luns, 24 de outubro de 2016

O trobador eran elas

Boa parte da lírica medieval galego-portuguesa era tradición oral feminina, segundo Ria Lemaire



Os trobadores non crearon as cantigas de amigo galego-portuguesas, só foron os seus transmisores. Na realidade, estas composicións foron un labor colectivo de mulleres no campo da literatura oral. Cando menos, así o defende Ria Lemaire, especialista na relación entre literatura oral e escrita que visitou o noso país o pasado outono. Segundo as súas ideas, estes textos fundacionais das nosas letras farían parte do noso patrimonio inmaterial.
Aínda hoxe, a corrente maioritaria dos estudos de Literatura Medieval consideran que as cantigas de amigo eran obra de trobadores homes que adoptaban nestes temas papeis femininos. No entanto, hai correntes que apostan por considerar que os personaxes aos que se lles atribúe a autoría destas cancións unicamente as terían interpretado e non serían os seus autores.

Ria Lemaire

Ria Lemaire é unha das máis destacadas especialistas internacionais que avogan por esta teoría. A investigadora, nada en Holanda, é profesora da Universidade de Poitiers, Francia, onde dirixe o equipo do Centro de Estudos Latino-Americanos e o Acervo Raymond Cantel de literatura de cordel brasileira. Especializada en literatura medieval, coordina un programa dedicado aos estudos comparados en tradicións orais e a súa relación co mundo da escrita. En relación ao noso país, canda ás súas investigacións sobre a lírica medieval, participou en Cores do Atlántico, un libro-CD editado por Ponte… nas ondas! no que a brasileira Socorro Lira reinterpretaba cantigas de amigo desde unha perspectiva actual coa colaboración de artistas galegos como Uxía Senlle e que se editou en 2010. Lemaire colabora desde hai anos con esta iniciativa, coa que está a elaborar un novo volume do proxecto Cores do Atlántico. Desta volta será Uxía quen versionará 16 cantigas na liña da tradición galega. Ponte… nas ondas! convidouna o último outono a impartir no noso país dúas conferencias para falar sobre a súa visión encol deste tema

Ningún comentario:

Publicar un comentario