sábado, 19 de maio de 2018

'Cantares Gallegos': os días previos ao 17 de maio de 1863

Publicado en Sermos:

Sobre como foi recibido Cantares Gallegos unha vez publicado hai moito escrito; sobre como se anunciou a publicación, ou como diríamos hoxe, como se planificou o lanzamento editorial e se creou o ambiente necesario para a súa comercialización hai menos, por non dicer nada.

Mais, como foron os días previos ao 17 de maio de 1863?

O quince de marzo de 1863 Galicia, Revista Universal de este reino anuncia a publicación de Cantares Gallegos, versos de Rosalía Castro de Murguía.

Está na prensa, di a revista, “esta preciosa colección de poesías galegas tan apreciadas polos periódicos da Galiza e de Castela”. 300 páxinas, excelente papel francés, letra compacta mais clara e elegante. O prezo, 12 reais. Editor, D. Juan Compañel, Vigo.

Screen Shot 2018-05-17 at 12.51.57
Detallado o produto, cómpre criar o interese necesario para o poder vender e para iso o autor do texto, Francisco de la Iglesia, identifica e illa os elementos que dan valor ao libro e polo tanto xustifican a súa compra:

1.-Cualidade literaria.
2.-Perfección métrica.
3.-O coñecemento que a autora ten da súa terra.
4.-A empatía que este coñecemento vai producir especialmente nas clases populares e
5.-A consecuente popularización da obra derivada da interiorización por parte de lectoras e lectores da proposta literaria de Rosalía.

Así que, continúa a revista, “recomendamos a adquisición da súa nova obra, que non só debe ocupar o andel de todo bon galego literato, senón que parece chamado ese libro a ser de texto para todo poeta que teña que metrificar no galego idioma”

Cualidade literaria e perfección métrica perfectamente recoñecidas. Mais hai máis: os cantares, co tempo, han de se popularizar tanto que mesmo ocuparán a memoria dos campesiños, que os entoarán unidos ás cantigas populares que o propio libro ten pois a autora soubo facer un texto de simbiose total entre a poesía popular, entre as notas “tenras, sentimentais e sinxelas” dos campesiños  e a súa propia poesía.


Na mesma revista o un de maio faise de novo unha apelación á compra do libro: “son tan dignos de atención pública estes textos que parece imposíbel que lidos unha vez ou parte deles, exista persoa normal que non trate de adquirir estas producións”

Só achamos estas dúas notas anunciando a publicación de Cantares. É moito menos do que aconteceu con outras obras. E contrasta coa fría recepción, máis ben indiferenza, que a crítica na Galiza outorgou aos Cantares a partir do 17 de maio de 1863.

domingo, 1 de abril de 2018

Obradoiro de escritura I



Imos empezar a crear personaxes.



En calquera narración ten que haber un protagonista, un personaxe a quen lle pasen todas as cousas que a ti se che ocorran. Ti decides como ten o nariz, se é do tamaño dun zapato, se é pequeniña coma un botón; ti dáslle vida e resolves quen é e que fai, de onde vén e onde vai. Todo está nas túas mans: tes a posibilidade de facer maxia.


Para crear un personaxe...

1º.- Datos básicos


Nome:

Apelidos:

(Tamén podemos utilizar un Alcume)

Data de nacemento:

Cidade:

Profesión:


2º.- Descrición


Trazos e particularidades


3º.- Breve historia


Resumo da súa vida e obra



A DESCRICIÓN DUN PERSONAXE CHÁMASE RETRATO. ATENDENDO ÁS SÚAS CARACTERÍSTICAS FÍSICAS, DENOMÍNASE PROSOPOGRAFÍA. ATENDENDO ÁS SÚAS CARACTERÍSTICAS MORAIS, ETOPEA.



Hai escritores que se deteñen a facer minuciosas descricións dos seus personaxes, revelando ao lector as características físicas e a indumentaria dos mesmos con todo luxo de detalles.



I. A túa tarefa arestora será crear un personaxe buscado pola policía. Como non existe ningunha fotografía del ou dela, terás que facer unha descrición o máis detallada posible para que se poida facer un retrato robot. Pensa e descríbeo ben fisicamente, se ten marcas, tatuaxes, lunares, tics nerviosos... calquera cousa precisa que axude á súa mellor identificación.







SOBRE OS ESTADOS DE ÁNIMO:

Hai escritores e escritoras que con poucas palabras saben describir o estado de ánimo do personaxe. Hai que dar datos ao lector para que comprenda como se sente o protagonista, xa que unha mesma frase pode ter significados completamente diferentes segundo como se diga.

Por exemplo, é moi diferente escribir:

-         “Alicia xirouse bruscamente e dixo moi rabiosa: “Bos días”

-         “Alicia xirouse gracilmente e dixo cun sorriso encantados: “Bos días”




II. A túa seguinte tarefa consiste en describir diferentes estados de ánimo dun personaxe a partir da seguinte frase:

“Bos días, estiven pensando en ti”

Cunha soa condición, na narración non pode aparecer a palabra que define o estado de ánimo sobre o que vas escribir (insomne, feliz, cansa, triste, enfadada).




III. Arestora, unha nova tarefa arredor das personaxes:  
Para poder crear unha historia, primeiro debemos pensar que personaxes interveñen nela. Así que agora imos crear varios personaxes que logo serán os que utilicemos na posterior creación dunha historia. Podedes crear uns personaxes que xiren arredor dalgunha historia ou conto (fadas, dragóns...) dalgún filme, ou crear outros completamente novos. Esa será a vosa elección. Lembrade que tedes que pensar nos datos que vos dixemos ao comezo deste "post".

Déxovos un exemplo:
A BRUXA  RUFINA
Non é unha bruxa común, xa que non lle gusta que a xente -especialmente os nenos e as nenas- lle teña medo, non adoita facer dano a ninguén nin quere asustar xamais.
É unha persoa moi doce e moi sensible, aínda que ninguén o sabe porque a súa aparencia é ben diferente, con ese pucho que utiliza, eses grans monstrosos e ese nariz puntiagudo; a súa compañía máis prezada é un cadeliño de nome "Pelegrín" que acariña a cada momento e con quen comparte a súa soidade de bruxa temerosa, e con quen inventa historias para as súas amigas invisibles. O que máis bota de menos deste mundo é non poder pasear nin ir ao parque a xogar, xa que todo o mundo cando a ve bota a correr espantado. E iso énchea de tristura.

venres, 30 de marzo de 2018

A descrición

A descricion from marisadc2


AQUÍ tedes unha páxina ben interesante para axudarvos a realizar as vosas descricións. Estes apuntamentos que seguen son tirados de alí. Botádelle un ollo:

A descrición é un texto que presenta os trazos característicos de seres (como unha persoa ou un animal), de obxectos (como unha mesa, un coche etc), de lugares (como unha praia ou unha cidade) ou de fenómenos e procesos (como sentimentos, sensacións, etc).
Polo tanto describir consiste en explicar mediante palabras, de forma detallada e ordenada, como é unha persoa, un obxecto, un lugar etc, para que alguén poida imaxinalo sen velo.
A descrición é algo así como unha pintura ou unha fotografía feita con palabras. Pero mentres que na pintura ou fotografía poden aparecer todos os detalles do que retratamos, unha descrición non consiste nunha simple enumeración de todas as características daquilo que estamos describindo senón na selección das que permiten diferenciar o elemento descrito dos outros da súa especie.
Tendo en conta a finalidade coa que se fai unha descrición distinguimos dous tipos de descrición: a descrición técnica e a descrición literaria.

 

Como elaborar unha descrición

1º paso
  • Debemos observar detalladamente as características e os trazos definitorios do elemento que imos describir. Atenderemos especialmente ás características físicas (de que partes está composto, de que material está feito...), o lugar onde e sitúa, para que se usa ou que función ten...
2º paso
  • Escoller o punto de vista que debemos ou queiramos adoptar: obxectivo ou subxectivo, segundo a función do texto que teñamos que redactar: por exemplo, se imos facer un retrato dun personaxe forzosamente debemos ser obxectivos; pola contra se queremos ridiculizar ese mesmo personaxe facendo unha caricatura del adoptaremos un punto de vista subxectivo.
3º paso
  • Despois da observación e tendo en conta o punto de vista adoptado, seleccionaremos as características que mellor definen o obxecto que imos describir e que o diferencian doutros da súa especie ou similares a el.
  • A descrición non pode ser exhaustiva (non ten sentido dicir absolutamente todo o que se ve nun obxecto, nunha persoa ou nun lugar) senón que se limita aos elementos máis característicos ou interesantes.
  • Non se trata polo tanto de “copiar” con palabras os obxectos reais, senón que ao describilos interpretámolos e seleccionamos de entre todas as súas calidades, aquelas que consideremos máis características. A partir dun mesmo obxecto real dúas persoas farán dúas descricións distintas porque seguramente tamén será diferente a maneira de velo, por exemplo porque a unha persoa lle interesarán aspectos que tal vez á outra lle pasen desapercibidos.
4º paso
  • Ao elaborar finalmente a descrición seguiremos unha orde determinada: podemos comezar facendo unha panorámica xeral do que describimos e a continuación imos describindo cada unha das súas partes; ou describindo o continente ou exterior e a continuación o contido ou interior. Esa ordenación dependerá do obxecto descrito e do noso criterio persoal, mais os datos deberán estar sempre ordenados, non se pode dar a impresión de saltar dunha parte a outra sen seguir ningunha orde.


Para describir unha persoa debemos seguir estas indicacións básicas:
  • Despois de observar e reflexionar sobre a persoa que imos describir, organizaremos a información que nos parece máis destacada. A observación pode ser física ou mental, se imos describir a alguén que non está connosco, pero a quen coñecemos.
  • Seguiremos unha orde, do máis xeral ao máis particular:
  1. Indicaremos o seu xénero (un home, unha muller, un rapaz... )
  2. Diremos a súa idade (naturalmente será a idade aproximada na maior parte dos casos: é unha nena de meses, un vello, unha velliña, un señor maduro, unha moza nova, terá uns vinte anos, andará polos corenta, etc.
  3. Citaremos a súa aparencia xeral: fermoso, feo, atlético, de aspecto canso, musculoso..
  4. Sobre a súa talla indicaremos se é unha persoa alta, baixa, anana, delgada, fraca, barriguda etc.
  5. A continuación describiremos a súa cara, pois é elemento das persoas no que máis nos fixamos e que o máis nos identifica. Ao falar da cara iremos tratando os distintos elementos: a súa forma (ovalada, cadrada, ancha...), o cabelo (abundante ou escaso, negro, loiro, ondulado, liso...), os ollos (grandes, pequenos, vivaces, alegres, claros, escuros, azuis, verdes...), os labios (grosos, finos, carnosos...), a fronte (ampla, pequena...) etc.
  6. Se é o caso falaremos dalgunha característica particular que teña a persoa descrita: calvo, bigote, barba, algunha mancha ou marca significativa.
  7. A continuación, xa para rematar o retrato físico, falaremos da súa vestimenta.
  8. Finalmente daremos información sobre o seu carácter: diremos se é unha persoa amable, sociable, antipática...
Non é obrigatorio seguir necesariamente esta orde; son posibles outras organizacións, pero sempre debe existir unha organización determinada, evitaremos dar a sensación de saltar dun lado a outro sen orde concreta.



Descrición técnica

A descrición aparece con frecuencia en textos de carácter técnico e científico:
  • en xeografía temos descricións de paisaxes, de climas...;
  • na xustiza hai necesidade de describir, por exemplo, o lugar onde se cometeu un delito, a situación na que se produciu o feito que se xulga, o delincuente que fuxiu e foi visto por algunha testemuña...;
  • na arquitectura descríbense o terreo onde se vai edificar e os planos e dependencias dos edificios;
  • en ciencias da natureza hai descricións de animais, de plantas, de minerais etc;
  • nas guías de viaxe descríbense os lugares e os monumentos de interese, as rutas máis interesantes dun lugar etc.
Coa descrición técnica preténdese dar a coñecer as características reais de persoas, de obxectos, de lugares etc.
Neste tipo de descrición procúrase a obxectividade, é dicir, represéntanse as cousas tal como as ve todo o mundo, prescindindo das opinións persoais de quen fai a descrición.
Utilízase unha linguaxe denotativa, é dicir, unha linguaxe na que as palabras están tomadas co seu sentido recto. Son abundantes os termos técnicos e os adxectivos especificativos.
Presenta unha ordenación lóxica, describíndose primeiro o máis xeral e indo despois ao particular, ou o que está máis próximo para seguir co máis afastado etc.
As súas finalidades son:
  • definir: aparece a descrición técnica con este valor en
    • dicionarios
    • enciclopedias
    • libros escolares
    • leis, normas...
  • explicar: aparece con esta finalidade en
    • textos científicos
    • manuais de instrucións
    • noticias e reportaxes de prensa
  • convencer: dáse sobre todo na publicidade, por exemplo en anuncios de
    • venda de pisos
    • ofertas de emprego
    • venda de obxectos de segunda man

Descrición literaria

Na literatura a descrición aparece frecuentemente alternando coa narración e supón unha pausa na historia que se está a contar.
A descrición literaria cumpre as seguintes funcións:
  • Presentar os lugares onde sucede a acción e os elementos que son importantes para a mesma: O lugar pode ser interior (unha casa, un cuarto, unha cova, unha igrexa...) ou exterior (o campo, unha montaña, o mar, unha fraga....).
  • Presentar os personaxes que interveñen na historia que se conta.
  • Anticipar, aclarar ou crear interese sobre a acción que se desenvolve ou se vai desenvolver (unha paisaxe triste ou sinistra anticipa frecuentemente accións negativas; a descrición da mirada dun personaxe pode indicar se está dicindo a verdade ou non). A descrición permite polo tanto comprender mellor a historia que se nos conta.
Entre as principais características da descrición literaria, destacamos as seguintes:
  • A linguaxe é connotativa, é dicir, teñen moita importancia as sensacións ou sentimentos que nos evocan as palabras, non só o seu significado obxectivo.
  • Abundan os adxectivos explicativos, é dicir, aqueles que resaltan determinadas cualidades dos substantivos.
  • A descrición literaria pode ser obxectiva ou subxectiva.
  • Utilízanse, entre outros, recursos literarios como
    • a hipérbole: esaxeración dunha característica;
    • a metáfora: substitución dun elemento por outro co que ten parecido;
    • a comparación: establecemento de relación por semellanza ou parecido;
    • a enumeración: acumulación de elementos.


Características lingüísticas das descricións

Na maior parte dos textos descritivos atoparemos características lingüísticas que nos permiten diferencialos doutros tipos de textos:
 
  • A descrición caracterízase pola organización espacial da información (por exemplo na descrición dunha paisaxe comezarase polos elementos que vemos en primeiro plano, e a continuación, pasarase a describir os situados en planos máis afastados; describindo unha persoa pódese seguir unha orde do máis xeral (o aspecto ou primeira impresión que nos causa) ao máis concreto (a cara, os ollos, as man...) ou comezar coa descrición da cabeza e a continuación o resto do corpo). As partes que compoñen o obxecto descrito sitúanse no espazo con respecto ás outras partes e ao conxunto: indícase que elementos están arriba, cales abaixo, é esquerda ou á dereita, no primeiro plano ou no fondo etc.
  • As referencias ao espazo exprésanse mediante adverbios de lugar: alí, detrás..., e  frases preposicionais con valor locativo: por riba de, por detrás de...
  • Nas descricións son máis importantes e frecuentes os substantivos e os adxectivos que os verbos: os substantivos, porque son as palabras que designan os elementos do que se describe, e adxectivos porque indican as súas calidades ou características.
  • As oracións habituais son as atributivas, é dicir, as que están formadas cos verbos ser ou estar. Tamén son frecuentes as construcións comparativas e adversativas.
  • Os recursos expresivos máis usados son as comparacións e as metáforas.
  • Utilízanse con frecuencia sinónimos, antónimos, hipónimos, hiperónimos...
 
Con respecto ao tipo de linguaxe utilizada nas descricións úsase
  • linguaxe científica (con termos técnicos e precisión no uso do vocabulario), por exemplo nas descricións que atopamos nas enciclopedias;
  • linguaxe literaria (con uso de figuras retóricas: metáforas...), por exemplo na descricións dos personaxes nunha novela;
  • linguaxe coloquial (con utilización de termos correntes, menor precisión de vocabulario...), por exemplo cando lle describimos a algún coñecido como iamos disfrazados na pasada festa do entroido.

luns, 12 de febreiro de 2018

Prexuízos lingüísticos

Este vídeo trata sobre algúns tipos de prexuízos lingüísticos : as súas causas, o que son, e a súa transmisión.






Vía Carta Xeométrica

martes, 9 de xaneiro de 2018

Ser booktuber con xeito

Unha das tarefas desta segunda avaliación, será a de vos converter en Booktubers. Aquí vos deito este vídeo que atopei como mostra dun traballo ben feito:




Lembrade:
1.- Preparemos o que imos dicir sobre o libro: título, autor, editorial, colección…; asemade, que datos queremos destacar do mesmo. Por suposto, teresmo que contar de que vai, destacando as partes que nos interesen (lembrade: non contamos o final!)
2.- Facer un guión
3.- Ensaiar en voz alta. Non ler diante da cámara!
4.- Vocalizar
5.- Ser fiel ao meu propio estilo.
6.- Podemos utilizar material de apoio.

Etes erros dos que nos fala Rosa Moreno para as exposicións orais poden servir tamén á hora de facer un bo vídeo:




Seguide asemade as indicacións que fai A Profa: I e II

martes, 19 de setembro de 2017

Encántame

A primeira tarefa deste curso será escribir un poema no que falemos daquilo que nos encanta facer, aquelas actividades que nos resultan máis pracenteiras, aquilo co que soñamos... como fai a protagonista deste álbum, unha nena que ama contarnos todo o que lle encanta: acariñarse detrás da orella, as cousas qeu dia a amiga da súa mamá, poñer os seus pés sobre os do seu pai e facer boliñas co miolo do pan; encántalle divertirse, pelexar, que a queiran e que a mimen; encántalle ser nena. Así que tentade lembrar o que máis vos ten gustado dos momentos vividos ata agora. Ide máis alá, onde aquel pequeno momento que semellaba insignificante ponvos un sorriso na face que dura moito tempo e así irán sucedéndose lembranzas e emocións de toda a vosa vida. Cómpre reparar nos pequenos detalles e darlles a importancia que verdadeiramente teñen.


“Me encanta que la abuela me enseñe las fotos de mamá cuando era pequeña y diga: Cómo se parecía  a ti, era casi tan bonita como tú.”
“Sacar la mano por la ventana cuando vamos en el coche, a toda velocidad y sentir la fuerza del viento.”
“Pegar la cara contra el cristal helado y dibujar un corazón con la nariz, en el vaho.”
“Pasearme por toda la casa con los zapatos de tacón de mamá.”
“Ponerme la falda de volantes y dar vueltas para ver su vuelo.”
“Poner los pies encima de los zapatos enormes de papá y caminar juntos por el salón.”
“Pegar la cara contra el cristal helado y dibujar un corazón con la nariz, en el vaho.”
“Cuando mi madre me mide y dice: ¡Es increíble!, a ver, ¿seguro que no te has puesto de puntillas? ¡Entonces has crecido mucho!”
“A mí me encantan las horquillas, los Casadielles, bañarme en la playa con mi perro y arrancarme las postillitas cuando ya están secas ¿Ya tí? ¿Qué es lo que te encanta?”


venres, 15 de setembro de 2017

Comezamos!





O libro de texto que se utiliza é "Lingua e Literatura Galega" de 3º de ESO da editorial Anaya. Está dividido en tres tomos, e terédelos nas taquillas de voso, posto que imos alternar a súa utilización. Lembrade que é importante non levar na mochila moito peso, así que procurade levar nela só o material absolutamente necesario.

Ademais, debedes ter un Caderno  para  exercicios escritos (mellor de follas intercambiábeis): obrigatorio e a disposición do profesor. Nel iredes vendo os vosos progresos na escrita, unha parte ben importante do curso. Pódovolo pedir en calquera momento, polo que teredes que telo sempre coidado e non o podedes esquecelo na casa.
Lembrade: ESCRIBIR É UN LABOR DIFÍCIL, e teremos que corrixir unha e mil veces para irmos mellorando. Pero esta será unha das partes fundamentais do curso.

A materia divídese en catro apartados:

1.- Haberá dous exames por avaliación que constituirán o peso específico da nota, un 60%, por tanto, 6 puntos. Os exames inclúen tanto aspectos de Literatura ou Sociolingüística dados na aula, como Vocabulario visto na clase. Asemade incluirán algunha pregunta de Gramática, expresión escrita e de Comprensión de textos. Normalmente,  os exames comezan cun texto inzado de erros para corrixir: procuraremos con el irmos pola rúa vendo os múltiples erros ortográficos que nos rodean (*Centro urbán)
2.- A Expresión Oral constitúe un 15% da nota. Para poder acadar este valor teremos que utilizar sempre a lingua de noso na aula; si, falar castelán penaliza. 
3.- A Comprensión Oral chega ata o 10% da nota.
3.- A Expresión e Comprensión escrita  valorarase, por tanto, co 15% restante. Estes exercicios poderanse realizar ben na casa ben na aula.


Para superar a materia, cómpre unha media de 5 nas avaliacións, pero para que se poida realizar esta media non se poderá baixar dun 3. Cada avaliación terá unha recuperación no seguinte trimestre.
En setembro, claro está, entra toda a materia, agás a oralidade.
En todas as probas e traballos escritos valorarase a expresión escrita, podendo restar ata 2 puntos por estes aspectos: presentación incorrecta, imprecisións terminolóxicas, incoherencias no texto, erros de cohesión (nexos inapropiados e mala puntuación do texto) e incorreccións ortográficas. Estas últimas descontarán do seguinte xeito: a acentuación non diacrítica -0,05 e o resto dos erros -0,1.

 

Non hai libros de lectura obrigatoria. Significa iso que non imos ler? Noooon, todo ao contrario, imos ler, e moito. Cando menos, os primeiros dez minutos da hora de clase serán sempre para ler. Os libros poderedes escollelos na biblioteca entre unha ampla listaxe que abarca todos os gustos; se estades interesad@s nalgún outro que non figura, preguntades se é axeitado e se o é, engadirase a esa proposta inicial. Se a min non me gusta que me impoñan ningún libro, coido que a vós tampouco. Iso si, estamos para aconsellar sobre lectura. Non esquezades: nalgunha parte hai un libro para ti. Hai que procuralo. Por suposto, levarei un control dos libros que leades. En cada trimestre teredes que facer unha recensión obrigatoriamente dalgún deles. Nesta recensión valorarase sobre todo a argumentación e a expresión, mellorándoa de cada vez, e que irá a sumar as notas dese 15% do que vos falei.
Asemade, teredes a oportunidade de mellorar as vosas notas da avaliación coa lectura dun libro optativo e posterior recensión do libro, podendo subir ata 2 puntos esa nota. Sempre que se teña na media dos dous exames da avaliación un 4 como mínimo.

domingo, 28 de maio de 2017

CONSELLOS PARA LER UN POEMA SEN DESTROZALO POLO CAMIÑO


LER UN POEMA EN PÚBLICO?!  QUE HORROOOOR!!!  SOCORRO!!!

Ben, tranqui, con calma; xa que te ves no apuro de ler en público un artefacto de palabras chamado poema, escoita, medita e usa as seguintes instrucións:

a) ante todo, FAITE AMIGO OU AMIGA DO TEXTO; a primeira vez que o leas, seguramente non entenderás nada ou case nada, e perderaste  mil veces; por iso, repite a lectura cantas veces necesites, ata que che soen as palabras, ata que saibas onde van colocadas e como soan; se hai algunha palabra que se che resista, recítaa ata que che escape da boca case sen pensala, como un peixe esvaradizo.

b) BÚSCALLE UN SENTIDO (UN SIGNIFICADO) AO TEXTO, algo que che axude a entender de que vai; se hai palabras que non coñeces, búscaas no dicionario ou pregúntalle ao profesor ou profesora.

c) TRATA CADA PALABRA CON COIDADO, COMO SE FOSE DE CRISTAL: cada vez que te equivocas ou te atascas na pronuncia dunha palabra é como se escachases o texto en mil anacos; tes que mimar as palabras, agarimalas coa voz, facer que soen fluídas como a corrente dun río (cada vez que te paras demasiado nunha palabra, é como se a matases, como se lle quitases a música que garda en cada sílaba)

d) CONTROLA A VELOCIDADE: ler ben  significa respectar as normas de circulación, sen pasarse dos límites máximos de velocidade, pero sen camiñar como unha tartaruga (hai que levar un ritmo medio, para que a xente que nos escoite entenda o que cantamos).

e) REGULA O VOLUME DO APARATO:  a túa ferramenta de traballo é a voz; procura que se te escoite ben, pero sen berrar; mira que non se che vaia apagando a radio, porque non estás lendo para ti só (tes un público de orellas abertas ansioso por devorarche a voz)

f) NON DEIXES DE RESPIRAR: ollo piollo con isto! Se quedas sen aire (por non saber facer pausas, descansos) afogas seguro, e se afogas, mandas o poema ao fondo do mar, como se che pesase a voz e xa non tiveses forza para levar os sons lixeiriños como aire dun globo.

g) ATENCIÓN AOS SINAIS DE TRÁFICO: os teus sinais de tráfico son os signos de puntuación; failles moitísimo caso, e xa verás o ben que conduces o ritmo do poema. E se non hai puntuación, guíate polos cortes do poema (cambios de verso)

h) NON TEÑAS VERGOÑA DA EMOCIÓN: un poema ten algo de ser vivo; non é unha receita médica nin unha fórmula matemática nin un cadáver de letras; fala de emocións humanas, e hai que sentilas un pouquichiño para que non se nos durma o persoal. E se queres pistas sobre onde está a emoción, fíxate nos signos de interrogación e admiración, que che marcan o matiz da voz, o ton do son bailón.

i) Por último, ANTE TODO MOITA CALMA; non te deixes levar polos nervios, nin esteas pendente dos demais; céntrate e concéntrate no poema, mira só para el, non te rías como un pallaso, pero tampouco te acovardes como un ratiño asustado; e lembra que ninguén nace aprendido, e que isto sae mellor coa práctica, pouco a pouco, con paciencia

mércores, 10 de maio de 2017