domingo, 28 de maio de 2017

CONSELLOS PARA LER UN POEMA SEN DESTROZALO POLO CAMIÑO


LER UN POEMA EN PÚBLICO?!  QUE HORROOOOR!!!  SOCORRO!!!

Ben, tranqui, con calma; xa que te ves no apuro de ler en público un artefacto de palabras chamado poema, escoita, medita e usa as seguintes instrucións:

a) ante todo, FAITE AMIGO OU AMIGA DO TEXTO; a primeira vez que o leas, seguramente non entenderás nada ou case nada, e perderaste  mil veces; por iso, repite a lectura cantas veces necesites, ata que che soen as palabras, ata que saibas onde van colocadas e como soan; se hai algunha palabra que se che resista, recítaa ata que che escape da boca case sen pensala, como un peixe esvaradizo.

b) BÚSCALLE UN SENTIDO (UN SIGNIFICADO) AO TEXTO, algo que che axude a entender de que vai; se hai palabras que non coñeces, búscaas no dicionario ou pregúntalle ao profesor ou profesora.

c) TRATA CADA PALABRA CON COIDADO, COMO SE FOSE DE CRISTAL: cada vez que te equivocas ou te atascas na pronuncia dunha palabra é como se escachases o texto en mil anacos; tes que mimar as palabras, agarimalas coa voz, facer que soen fluídas como a corrente dun río (cada vez que te paras demasiado nunha palabra, é como se a matases, como se lle quitases a música que garda en cada sílaba)

d) CONTROLA A VELOCIDADE: ler ben  significa respectar as normas de circulación, sen pasarse dos límites máximos de velocidade, pero sen camiñar como unha tartaruga (hai que levar un ritmo medio, para que a xente que nos escoite entenda o que cantamos).

e) REGULA O VOLUME DO APARATO:  a túa ferramenta de traballo é a voz; procura que se te escoite ben, pero sen berrar; mira que non se che vaia apagando a radio, porque non estás lendo para ti só (tes un público de orellas abertas ansioso por devorarche a voz)

f) NON DEIXES DE RESPIRAR: ollo piollo con isto! Se quedas sen aire (por non saber facer pausas, descansos) afogas seguro, e se afogas, mandas o poema ao fondo do mar, como se che pesase a voz e xa non tiveses forza para levar os sons lixeiriños como aire dun globo.

g) ATENCIÓN AOS SINAIS DE TRÁFICO: os teus sinais de tráfico son os signos de puntuación; failles moitísimo caso, e xa verás o ben que conduces o ritmo do poema. E se non hai puntuación, guíate polos cortes do poema (cambios de verso)

h) NON TEÑAS VERGOÑA DA EMOCIÓN: un poema ten algo de ser vivo; non é unha receita médica nin unha fórmula matemática nin un cadáver de letras; fala de emocións humanas, e hai que sentilas un pouquichiño para que non se nos durma o persoal. E se queres pistas sobre onde está a emoción, fíxate nos signos de interrogación e admiración, que che marcan o matiz da voz, o ton do son bailón.

i) Por último, ANTE TODO MOITA CALMA; non te deixes levar polos nervios, nin esteas pendente dos demais; céntrate e concéntrate no poema, mira só para el, non te rías como un pallaso, pero tampouco te acovardes como un ratiño asustado; e lembra que ninguén nace aprendido, e que isto sae mellor coa práctica, pouco a pouco, con paciencia

mércores, 10 de maio de 2017