domingo, 5 de outubro de 2014

Libro do Mal Amor

Unha das tarefas destes próximos días é a realización de Haikus contra a Violencia de Xénero.
 Como saberedes, esta é unha das lacras más graves da nosa sociedade actual. No que vai de ano, 42 mulleres foron asasinadas no estado español, 6 delas en Galicia. Parade, por favor,  a cavilar un anaco de tempo: que ocorrería se este número de vítimas o fosen do terrorimos de ETA? E se en lugar de mulleres anónimas fosen políticos? Ou persoas famosas? De seguro, os medios para combater a violencia serían máis eficaces e a toda a sociedade amosaría a súa preocupación. 
Porén, o silencio.
E mentres, os brutais asasinatos seguen en aumento cada ano.
Pero non podemos esquecer que a violencia de xénero non só se reflicte no número de mortes. Esta é, tan só, a parte visible. Cada día miles de mulleres sofren violencia física que non chega ao asasinato; cada día, miles de mulleres sofren violencia psíquica, verbal, que as vai convertendo en farrapos. Cada día, miles de mozas adolescentes pensan que o amor romántico vai salvalas do mundo mentres van sendo eliminadas como persoas e converténdose en obxectos. Non sei se aínda é máis preocupante o número de violacións que sofren as mulleres ("Non eduques ás túas fillas para que non as violen, educa aos teus fillos para que non violen")
Ante todo isto, convidámosvos a reflexionar. Como o fixo o outro día Emma Watson.
E farémolo mediante os HAIKUS.
Escoitastes algunha vez esta palabra? Sabedes que é un "haiku"?
Na seguinte presentación (e aquí agradecemos a Anxos o seu labor), explicámosvolo:





O alumnado do IES Laxeiro vai realizar conxuntamente un "Libro do Mal Amor" no que expresará o rexeitamento de todo o alumnado contra a violencia de xénero. Por tanto, sodes vós quen ten a palabra: deberedes entregarme un par de haikus, como mínimo, antes do 20 de outubro. Logo, nas aulas de Plástica ilustraranse para despois publicarmos un libro chamado "Libro do Mal Amor". Asemade, imos tentar contar coa colaboración dalgúns e dalgunhas poetas máis coñecid@s da nosa terra.

Xa vistes que un Haiku nun principio era un poema de exaltación á Natureza. Pero logo serviu para achegarse a calquera tema. Agora somos nós os que imos poetizar en forma de Haiku. A dificultade, quizais, radique no cómputo silábico. Sabedes contar as sílabas dun verso? Estas son as normas:



          Palabra final:
      Aguda: + 1 sílaba: 
Exemplo: unha casa de marfil (7+1=8)
      Esdrúxula: - 1 sílaba: :
Exemplo: estas claras efemérides  (9-1=8)

          Licenzas poéticas:
      Sinalefa:
Exemplo: para a virtude o humilde (10 > 8)
      Sinérese: 
Exemplo: recollendo realidades (9 > 8)
      Diérese: 
Exemplo: fragor e süavidade (7 > 8)


 
E aquí algún Haiku que veño de facer como mostra:


Sobre a mesa
salada de constancia
xeado de dor

A sopa fría
os nenos agochados
berros calados

Controla o móbil
amor encadeado
ameazante










venres, 3 de outubro de 2014

O texto narrativo (III)

Agora que xa sabedes en que consiste un texto narratioçvo, ides elaborar vós un.
Pensade que antes de poñervos a escribir, tedes que realizar un esquema cos seguintes elementos:

- NARRADOR
- PERSONAXES:
                              .Principal ou principais
                              .Antagonista
                              .Secundarios
- LUGAR:
                 .Aberto ou pechado
                 .Real ou imaxinario
- TEMPO:
                  .Externo ou interno
                  .Desde o principio/Á metade do relato/Desde o final
- ACCIÓN:
               .Formulación
               .Nó
               .Desenlace
- QUE VAS DESCUBRIR?
- HABERÁ CAPÍTULOS?
- HABERÁ SUSPENSE
- O FINAL SERÁ ABERTO OU PECHADO?
- QUE PERSONAXES DIALOGARÁN?
- EXPRESIÓNS: 
                            .Espaciais
                            .Temporais
- QUE VERBOS DE ACCIÓN E DE LINGUA VOU EMPREGAR?

A túa próxima tarefa vai ser a de realizar un texto narrativo co seguinte título:

"A análise de sangue"

Lembra que primeiro tes que facer a plantilla. Esta será un borrador que sufrirá modificacións, pero sempre será o teu punto de partida.