domingo, 28 de setembro de 2014

O texto narrativo (II)



Narrar -xa o vimos- é contar sucesos reais ou imaxinarios que lles suceden a un ou varios personaxes nun espazo en un tempo determinados.
A narración está presente en moi diversas situacións: prensa, radio, cómics, chistes, anécdotas, cine... No ámbito literario consideramos diversos xéneros ou tipos de narración:
· En verso:
- A epopea que é o relato dos feitos memorables dun pobo ou dun heroe.
- O romance que é un poema narrativo que trata sucesos históricos, lendarios ou
da vida cotiá.
· En prosa:
- O conto é un relato breve cun argumento sinxelo
- A lenda, que é un relato breve no que se mesturan elementos históricos con
fantásticos.
- A novela é unha narración longa con gran abundancia de personaxes e un argumento complexo.

Este é o Romance de DonGaiferos, explica o seu argumento e explica por que se trata dun texto narrativo.
 
I a onde vai aquel romeiro,
meu romeiro, a onde irá?
Camiño de Compostela,
non sei se alí chegará.

Os pes leva cheos de sangue
e non pode máis andar,
malpocado, probe vello!
non sei se alí chegará.

Ten longas e brancas barbas,
ollos de doce mirar,
ollos gazos, leonados,
verdes como auga do mar.

-I a onde ides meu romeiro,
onde queredes chegar?
-Camiño de Compostela,
onde teño o meu fogar.

-Compostela é miña terra
deixeina sete anos hai
relucinte en sete soles
brilante como un altar

-Cóllase a min meu velliño
imoss xuntos camiñar,
eu son trobeiro das trobas
da Virxe de Bonaval

-I eu chámome don Gaiferos
Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas
meu Santiago mas dará.

Chegaron a Compostela
e foron á Catedral,
Ai, desta maneira falou
Gaiferos de Mormaltán:

-Gracias meu señor Santiago
os vosos pés me tés xa,
si queres tirarme a vida
pódesma señor tirar,
porque morrerei contento
nesta santa Catedral.

E o vello das brancas barbas
caíu tendido no chan,
Pechou os seus ollos verdes
verdes como a auga do mar.

O bispo que esto ovíu
alí o mandou enterrar
E así morreu meus señores
Gaiferos de Mormaltán.

Iste é un dos moitos milagres
que Santiago Apostol fai

O texto narrativo (I)

Narrar é contar uns feitos que sucederon. O narrador conta, relata, refire unha historia (un feito real ou imaxinario no que suceden determinadas accións) que lle sucede a alguén (personaxes humanos ou non, reais ou ficticios, individuais ou colectivos) e desenvólvese nun determinado lugar e tempo. A narración interrómpese con frecuencia pola presenza de descricións, diálogos, aínda que é posible que unha narración por si soa chegue a constituír un texto propiamente dito. 
Por tanto, narrar é contar uns feitos reais ou imaxinarios cuns personaxes nun tempo e lugar determinados.
A narración utilízase principalmente nos textos literarios e xornalísticos, pero pode aparecer en calquera tipo de texto, incluída a conversa. A función predominante é a referencial, pero iso non implica que a intención comunicativa sexa necesariamente informativa, pode ser entreter, convencer, etc.

1.- A ESTRUTURA BÁSICA dunha unidade narrativa é a seguinte:
  •      Estado ou situación inicial da que se parte
  •      Conflito que altera a situación inicial e que desenvolve o proceso narrativo: as accións, acontecementos nos que se produce unha complicación problemática. 
  •       Resolución.
  •  

O autor pode introducir alteracións a este tipo de estrutura básica que alteran a orde lineal:
  •   Pódese prescindir da presentación e empezar a narración directamente no conflito, “in media res 
  •     Mesmo se pode iniciar o relato polo final. Ambas técnicas alteran a orde lineal. O autor pode prescindir do desenlace co que consegue un relato de final aberto e obriga ao lector a imaxinar posibles desenlaces.


Toda narración literaria ten, ademais, un sentido (finalidade): este é o motor que xera o relato. Non sempre é explícito e pode ocorrer que se infira do relato pero que non se inclúa nel. Un exemplo moi claro de “sentido explícito” é a sentenza (“moraleja” en castelán) dos contos tradicionais. O sentido é o que explica a finalidade do relato.



2.- HISTORIA E DISCURSO


En toda narración debemos distinguir en primeiro lugar entre historia (o que se conta), sucesión de acontecementos (accións) narrados, dispostos na súa orde temporal cronolóxica (tempo da historia) e causal, tal e como aconteceron, realizados por uns personaxes nun tempo e espazo determinados, e discurso (como se conta), o xeito como se conta a historia, as accións ordenadas conforme ao designio do autor; é dicir, a construción da historia, a secuencia dos feitos tal e como se presenta ordenada no texto.




3.- PERSONAXES


Segundo o seu papel na historia os personaxes poden ser protagonistas ou secundarios. Os protagonistas realizan unha serie de accións para conseguir uns obxectivos e outros personaxes (principais ou secundarios) axudan aos protagonistas a conseguir os seus obxectivos (aliados) ou lles poñen obstáculos (adversarios).
Tamén pode aparecer un antagonista, que é o personaxe que se opón ás accións do protagonista e intenta que non consiga o seu propósito
Os personaxes poden ser planos, aqueles que responden durante toda a obra a un esquema establecido desde a súa aparición sen variar no desenvolvemento da acción. Normalmente este esquema tipo verá configurado por obras literarias anteriores, neste caso os personaxes serán arquetípicos. Unha segunda posibilidade é un tratamento fondo dos personaxes principais que responden a unha complexidade psicolóxica considerable e que, polo tanto, non serán facilmente reducibles a un esquema; estes son denominados caracteres redondos e van evoluíndo a medida que avanza a historia. 



4.- ESPAZO E TEMPO


O espazo pode estar concibido como un espazo obxectivo, é dicir, como un reflexo máis ou menos fiel do mundo real, ou ben como un espazo subxectivo cando aparece determinado pola percepción que o personaxe realiza desde a súa subxectividade.
En canto ao tempo, hai que ter en conta en primeiro lugar o tempo externo que refire a época histórica en que suceden os feitos relatados e o tempo interno que fai referencia tanto á orde cronolóxica dos acontecementos narrados como á súa duración. Cando o narrador relata os feitos na orde en que sucederon dise que é una  narración lineal, pero pode haber alteracións da orde que dean lugar a saltos temporais ou anacronías, que se producen cando hai discordancia entre a orde da historia, lóxica e lineal, e a orde do discurso, subxectivo e dependente do punto de vista. Hai dous tipos fundamentais de anacronías: a analepse (flash back), evocación de momentos anteriores, e a prolepse, anticipación de acontecementos posteriores ao tempo da historia.



5.- NARRADOR E PUNTO DE VISTA


O narrador (ente de ficción encargado de contar a historia) pode relatar os feitos en primeira persoa, (narrador personaxe/narrador protagonista), en terceira persoa, (narrador testemuño dos acontecementos) ou mesmo en segunda persoa (como un desdobramento da primeira persoa).



O grao de coñecemento dos feitos por parte do narrador determina a perspectiva ou punto de vista, que pode cambiar ao longo do relato. O primeiro elemento estrutural na narración é o punto de vista xa que o problema previo á estruturación da materia narrativa é saber quen será o narrador e desde que punto de vista vai ser tratada. Atendendo á perspectiva podemos distinguir os seguintes narradores:

  •          Punto de vista externo: o narrador é unha voz situada FÓRA da historia, conta feitos nos que on participou como personaxe, limítase a narralos “dende fóra”:
-     Narrador omnisciente: o narrador domina toda a historia, o que ocorre dentro e fóra de cada personaxe, antes e despois, pero non participa na historia.
-   Narrador observador (narrador obxectivista): só conta o que ve e o que oe (accións externas), como unha cámara fotográfica, sen saber (e polo tanto non pode contalo) o que pensan ou senten os personaxes. Ás veces esta voz pode estar dentro da historia, polo tanto, pode ser interno ou externo. Ex.: Crónica de una muerte anunciada).
 
-         Narrador editor: o escritor finxe que a obra non a escribiu el, senón que a atopou escrita e limítase a editala. Ás veces son cartas as que o autor di estar publicando. É unha técnica parecida á do “relato dentro do relato”, onde un personaxe narra a outro unha historia.(Utilizado xa en “Las mil e unha noites”).


  •          Punto de vista interno: o narrador sitúase dentro da historia, como un dos personaxes que participan na acción. Hai varios tipos de narradores internos:
1.       Narrador protagonista: usa preferentemente a primeira persoa narrativa
2.       Narrador personaxe secundario, que pode alternar o uso da primeira e terceira persoa.

(Ex.: as narracións de Sherlock Holmes).
3.  Narrador testemuña, presente como espectador, utiliza preferentemente a terceira persoa. Tamén pode utilizar a segunda.


6.- A NARRACIÓN PRESENTA OS SEGUINTES RASGOS LINGÜÍSTICOS:

  •  Uso do perfecto para enunciar os feitos e do imperfecto para presentar o desenvolvemento das accións:  Chegou cedo, Camiñaba pola rúa cando escoitou un berro
  •    Predominio de oracións enunciativas
  •    Relevancia de complementos circunstancias de lugar e tempo
  •   Utilización de subordinadas adverbiais de causa, finalidade e consecuencia e de coordinadas copulativas que permiten a organización lóxica das accións.
  •    Presenza dos estilos directo e indirecto: Contestoulle: -Boh!; Lembroulle que era tarde.
  •   Utilización de verbos de movemento, acción e lingua: Correu tras ela; Díxolle que non estaba
  •    Emprego de adverbios deícticos de lugar e tempo: Ocorreu alí; Coñeceuno onte



En resumo, cales son so cinco elementos da narración?

-          Narrador: interno (1ª persoa) ou externo (3ª persoa)
-          Personaxes: principal (protagonista) e secundarios. Pode aparecer un antagonista.
-          Lugar: aberto ou pechado; real, imaxinario ou fantástico
-          Tempo: desde o principio, a metade da historia (o máis frecuente) ou desde o final; tempo externo ou tempo interno.
-          Acción: formulación, nó e desenlace



Que outros elementos debemos ter en contar para a redacción dun texto narrativo?:
-  .-   División do texto narrativo en capítulos ou secuencias.
-  .-  Introdución de descricións de persoas, lugares ou obxectos.
-  .- Introdución de diálogos entre personaxes.
-  .- Creación ou non de suspense.
-  .- Final aberto ou pechado.
 .-.-Uso de expresións espaciais (aquí, alí, diante, máis atrás...) e temporais (entón, onte, ao mesmo tempo...)
-  .-  Uso preferentemente de verbos en pasado como o imperfecto (cantaba) ou o o perfecto  (cantou).
-  .-   Uso de verbos de acción ou de lingua (dicir).




O TEXTO NARRATIVO. A NARRACIÓN NON FICCIONAL


Hai outro tipo de narracións, as non ficcionais, nas que non cabe inventar nada, nas que se atopan sucesos históricos, sucesos que ocorreron realmente e tal como ocorreron. Nestas, o autor é o narrador e non pode nin debe inventarse nada, debe limitarse a contar verazmente o que sabe dos feitos que narra. Si pode, en cambio, comentar os feitos que narra, sempre que non confundan os feitos cos comentarios.
Aparte estas diferenzas, este tipo de narracións emprega moitos dos recursos dos relatos ficcionais. Predomina nelas a orde cronolóxica, aínda que non sexa imposible outra orde. 


Cada vez que contamos algo a alguén, sexa de palabra ou por escrito e calquera que sexa o tema ou os motivos, non estamos máis que contando unha historia e, polo tanto, narrando. O acto de contar ou narrar é un dos procedementos básicos da comunicación humana: todos e todas somos narradores en distinta medida e en máis dunha ocasión, por exemplo, cando lle contamos unha película a un compañeiro ou unha anécdota que nos pasou. 





Exemplos en castelán e páxinas para repasar en castelán

Un texto para comentar na nosa lingua.

Prácticas narrativas en Caderno da Lingua.