xoves, 30 de abril de 2020

Verbos irregulares

Presentan raíces distintas:
  • unha de pretérito para pretérito e antepretérito de indicativo, pretérito e futuro de subxuntivo,
  • outra de presente para o resto dos tempos;
  • poden presentar outras irregularidades noutros tempos ou persoas;
  • moitos destes verbos estenden a raíz da p1 do pste. de indicativo a todo o pste. de subxuntivo: caibo, caiba; veño, veña; vallo, valla …
A seguir aparecen os máis usuais, conforme o seguinte criterio:
  • evitamos citar formas do paradigma estándar cando coinciden coa nosa fala;
  • reparamos nas formas que adoitan usarse incorrectamente por castelanismo,
  • e nas que, por dialectalismo de noso, non coinciden co estándar.
  • Cando o estimamos oportuno, poñemos a continuación do pretérito a p1 dos tempos que levan a mesma raíz;
  • os tempos (pste., pretér.…) son de indicativo, de non indicarmos outro modo.
CABER
Pste.: caibo, cabes, cabe…
Pretér.: couben, coubeches… (coubera, coubese)
Pste. subx.: caiba, caibas
Desviacións:
  • castelanismos coa raíz *quep- : *quepo, *quepa, *quepamos
  • regularización coa raíz cab- para pretérito…: *cabín, *caberamos…
  • regularización con *cab- no canto de caib-: *cabo, *caba, *cabas…
  • uso abusivo de coller por caber:
non collo por esa porta, non creo que colla:
non caibo por esa porta, non creo que caiba.

DAR
Pste.: dou, dás,
Pretér.: dei, deches, deu, demos, destes, deron.
Pres. subx.: dea, deas …
A evitar:
  • castelanismo *de, *des… para pste. de subx. : que mo *de: que mo dea;
  • dialectalismo *din por dei para a p1 do pretér.: *din as grazas: dei as grazas;
  • as formas dá, dás levan til diacrítico: non dá as grazas, vén da praia;
  • dialectalismo de noso *dou para a p3 do pretér.( dou é só pste.):
hoxe non lle dou (pste.) as grazas, onte non mas deu (pretér.) el,
hoxe non lle dou (pste.) as grazas, onte non mas *dou (pretér.) el.
DICIR
Pste.: digo, dis, di, dicimos, dicides, din.
Copretér.: dicía... (dicindo…)
A evitar:
  • castelanismos coa raíz *dec-: *decimos, *decía, *decindo…e *dicen
  • nós temos a forma dialectal *decer (*deser con seseo)
ESTAR
Pretér.: estiven, estiveches… (estivera, estivese)
Pste. subx.: estea, esteas …
A evitar:
  • a raíz de pretérito *estuv-: *estuven, *estuvera, *estuvese…
  • *esté no canto de estea: non creo que *estés: non creo que esteas
FACER
Pste.: fago, fas, fai, facemos, facedes, fan
Pretér.: fixen, fixeches… (fixera, fixese, fixer…)
Pste. Subx. : faga, fagas… Participio: feito
HABER
Pste.: hei, has, ha/hai, habemos, habedes, han.
Pretér.: houben, houbeches… (houbera, houbese)
Pres. subx.: haxa
A evitar:
  • castelanismo *huben…
  • é dialectalismo de noso *haba,* habas… no canto de haxa.
IR
Pste. : vou, vas, vai, imos, ides, van.
Copretér.: ía, ías
Pretér.: fun, fuches, foi, fomos, fostes, foron. Coincide co do verbo ser.
Pste. subx.: vaia, vaias …
Imperativo: vai, vamos, ide.
Vamos:
  • usámolo con valor imperativo (normalmente podémolo substituír por vaiamos: vamos dunha vez! vamos, veña!
  • nunca con valor de pste. indicativo: vós ides amodo, nós imos con présa; vós *vades amodo, nós *vamos con présa.
A evitar no copretér., no canto de ía:
- castelanismo *ibas, *ibas… - forma dialectal de noso:*iña, *iñas…
PARIR
Pste.: pairo, pares, pare…
Pretér.: parín, pariches... (parira, parise...)
Pste. Subx. : paira, pairas, paira…
Evitar a regularización: *paro para o mes, oxalá *para sen dor; pairo para o mes, oxalá paira sen dor.
PODER
Pste.: podo, podes …
Pretér.: puiden, puideches … (puidera, puidese, puider)
Pste. subx. : poida, poidas…
A evitar:
  • castelanismo *pud- para pretér.: *puden, *pudera, *pudese…
  • *poido para a p1 do pste.
  • a nosa forma dialectal *poda, *podas… para pste. de subx.
POÑER ou PÓR (forma sincopada de poñer)
Podemos usar ambas raíces para moitas formas.
Pste.: poño, pos, pon, po(ñe)mos, poñedes ou pondes, poñen.
Copretér.: poñía… ou puña…
Pretér.: puxen, puxeches … (puxera, puxese)
Pospretér.: po(ñe)ría … Futuro: po(ñe)rei…
Pres. subx.: poña, poñas …
Infinitivo conxugado: poñer ou pór, po(ñe)res ou pores…
Xerundio: po(ñe)ndo.
Conxúganse igual os derivados: antepoñer/antepor, compoñer/compor, dispoñer/dispor, expoñer/expor, repoñer/repor…
PRACER
Pste.: prazo, praces, prace…
Pretér.: prouguen, prougueches, prougo… (prouguera, prouguese…)
Pste. Subx. : praza, prazas, praza
Os derivados apracer, compracer, despracer non seguen o modelo na raíz de pretérito, son regulares: comprázome, non creo que iso me compraza compraceume, xa o compracera / *compróugome, xa o *comprouguera.
QUERER
Pste.: quero, queres, quere…
Pretér.: quixen… (quixera, quixese…) Futuro: quererei… Pospretér.: querería
Pste. subx.: queira, queiras
Son dialectalismos de noso:
apócope *quer: non me quere, non me *quer;
quira para pste. subx.: oxalá os *quira / queira.
SABER
Pretér.: souben, soubeches … (soubera, soubese)
Pste. subx.: saiba, saibas
A evitar:
  • castelanismo coa raíz *sup- para pretér.: *supen, *supera, *supese…
  • castelanismo coa raíz *sep- para pste. subx.: *sepa, *sepamos…
  • *soup- para pretérito: *soupen, *soupese...
  • é dialectalismo *sab- para pste. subx.: *saba, *sabamos…
SER
Pste.: son, es, é, somos sodes, son.
Pretér,: fun, fuches, foi, fomos, fostes, foron (fora, fose, for)
Pste. subx. : sexa, sexas…
A evitar:
  • os castelanismos *eres: *eres un trapalleiro: es un trapalleiro; e *sea, *seas…: oxalá *sea certo: oxalá sexa certo;
  • son dialectalismos:
    • *seña: non creo que *seña así: non creo que sexa así.
    • ti *fostes, vós *fóstedes: non *fostes ti, *fóstedes vós: non fuches ti, fostes vós.
TER
Pres.: teño, tes, ten, temos, te(n)des, teñen.
Pretér.: tiven, tiveches … (tivera, tivese, tiver)
A evitar o castelanismo *tuv- para pretérito: oxalá as *tuvese, oxalá as tivese.
Conxúganse igual os derivados: abster, ater, conter, deter, entreter (*entretener), manter, reter, soster.
TRAER
Pres.: traio, traes, trae …
Pretér.: trouxen .. (trouxera, trouxese, trouxer)
Pres, subx. : traia, traias …
Son dialectalismos de noso:
-ausencia de –i- intervocálico : *trao, *traa, *traamos…
-*trai no canto de trae: non mas *trai: non mas trae;
-raíz *trougu- (trough- coa gheda) para pretérito:
non o *troughen, non creo que mo *troughese;
non o trouxen, non creo que mo trouxese.
Os derivados son regulares: abstraer, atraer, contraer, distraer, extraer, retraer, subtraer (*substraer):

non me distraín: non me *distrouxen
aínda que me distraese: aínda que me *distrouxese
extraéronme un vulto: *estrouxéronme un vulto
nada me atraeu máis: nada me *atrouxo máis
VALER
Pres.: vallo, vales, vale …
Pretér.: valín, valiches, valeu ...
Pres. subx.: valla, vallas, valla …
A evitar: *valo; *vala, valas…: eu para iso non *valo: para iso non vallo; non creo que me *valan: non creo que me vallan.
Conxúgase igual equivaler.
VER
Pres,: vexo, ves, ve …
Copretér.: vía, vías …
Pretér.: vin, viches, viu, vimos, vistes, viron.
Reparar: viu de ver / veu de vir: Veu ao país e viu a fame que se pasa.
Evitar *veía, *veías…
VIR
Pres.: veño, vés, vén, vimos, vi(n)des, veñen.
Pretér.: vin, viñeches, veu, viñemos, viñestes, viñeron (viñera…)
Imperativo: ven, vi(n)de
Reparar no til diacrítico de vés, vén:
con eses lentes non ves nada, ¿vés comigo ao oculista?
os veciños non a ven, pero ela vén decote acompañada.
ven acó!

Ningún comentario:

Publicar un comentario