mércores, 17 de xuño de 2015

Tarefas para o verán


Seguramente xa coñecedes o caso dese enrollado profesor italiano porque o vistes ou ben no xornal ou ben no Facebook, que mandou 15 deberes moi especiais para o verán  para o seu alumnado. Pois ben, eu non vou ser menos, e vou "adaptar" os seus deberes á nosa realidade. Como estou de acordo con el, veredes que fago o que vós non podedes: un "remix".

.- Fala a nosa lingua, a lingua nai, esa que nos negaron tantas veces, esa na que non fuches educad@. Emprégaa, cando menos, unha vez ao día, goza usándoa e defendéndoa. Lembra esas "17 cousas que podes facer por ela". E se tes a sorte de ser galego-falante, non a abandones, non te acomplexes, non a cambies "por educación". Os que falan en castelán tamén poden ser educados... Vós tendes a chave para que a nosa lingua non desapareza. Sorprendede ás vosas familias reclamándoa.

.- Le. Este curso descubriches que hai moitos libros sorprendentes que che fixeron vibrar, emocionarte, chorar, amar, odiar... Pero le para gozar, non para subir nota nin por obrigatoriedade. Le para soñar, para voar, para fuxir, para non ser ti. Para aprender. Hai miles de libros e de lecturas interesantes e variadas. Procura os temas que che agradan. Coa lectura, escribe. Escribe sobre o que che apeteza, o que che preocupe, o que che pase pola cabeza. Que a escrita forme parte do teu ser, como descarga ou como reflexión, pero garda algún tempo semanal á súa práctica. Canto máis escriba, mellor o farás.

.- Goza a tope. Descarga toda a túa adrenalina. Carga as túas pilas. Ri moito, pasea cos teus amigos e amigas, vai a todas as festas que poidas. E baila. Baila sen complexos nin ataduras.

.- Goza coa compañía da túa familia. Esa que semella un "rollo" é o mellor que tes e terás na vida. Aprende a perdoar os seus defectos e sorrí coas súas virtudes. 


.- Se podes viaxar, faino. Non digas nunca un "non" a unha viaxe. É o que máis enriquece, co que máis aprendes.

.- Goza da túa soidade. De cando en vez, cómpre estar só, escoitarse a un mesmo, reflexionar. Ti es importante, e tes cousas que te dicir. Deixa tempo e espazo para a o ruído pero tamén para o silencio. Ambos son complementarios, non excluíntes.

.- Reflexiona sobre os teus fracasos e os teus éxitos. Non busques culpables, interioriza os teus actos e analiza o porqué duns e doutros. Tenta mellorarte a ti mesmo. Construíndote como persoa constrúes asemade unha mellor sociedade.

.- Non temas facer o ridículo. Fala abertamente do que pensas, do que sentes. Escoita para ser escoitado. Nesta sociedade de ritmo frenético falta empatía, solidariedade, paciencia. Dá exemplo. Un bo amigo é aquel que, sobre todo, sabe escoitar. Goza da amizade e practica deportes de grupo, axudan á convivencia.

.- Márcate unha meta e non a perdas de vista. Pero que esta non che oculte outras moitas que poden estar agardándote e coas que ti non contabas.

.- Namórate. Para logo desenamorarte. E volver a namorarte. Estás na idade dos mil namoros.

.- Respecta a natureza, o medio ambiente. Sé educado, limpo. Na praia, no monte, na rúa, non tires nada ao chan, recrimina a aqueles que si o fan. A natureza, máis ca nunca, necesita do noso coidado. Nas vosas mans está o seu futuro. E con el, o voso.


.- Non botes a lingua a pacer. Non critiques, non procures falsidades nin defectos. Todos temos algo bo e algo malo, lémbrao para non atacar a ninguén. Non fagas aos demais o que non queres que che fagan a ti. Non acoses a ninguén. Respecta a todo o mundo. E serás respectado.

.- Aínda que non suspenderas, non esquezas. O verán non implica que debas olvidar todo o aprendido. Ao contrario. Medra precisamente grazas ao que aprendes. Ti es parte do futuro do noso país, e ese futuro pasa pola Educación e pola Cultura. Sen elas, non existe tal futuro, só pasado. Axuda a construír.




.- Sé feliz!!!

luns, 15 de xuño de 2015

17 cousas que podemos facer pola lingua

Sobre todo, sobre todo, non esquezades:

17 cousas que podemos facer pola lingua (o 17 de maio e o resto do ano)


  • 01.aloumiñala como un arrolo que adurmiña o naipelo que repousa no teu colo
  • 02.agasallala en todas as datas que levan dentro unha ilusión compartida e un desexo de felicidade
  • 03.levala de paseo ao parque para que poida escorregar polo tobogán dos soños
  • 04.usala cando namoramos como parvos para non aburrirnos como ostras
  • 05.levala de compras para que vexa escaparates co cartel de rebaixas
  • 06.metela na maleta que nos leva de viaxe por todos os mapas que soñamos 
  • 07.convidala a esa festa de aniversario onde toda a familia canta contenta unha canción desafinada
  • 08.poñela elegante para que desfile polas mellores pasarelas
  • 09.compartila arredor dunha mesa redonda onde alguén fai un brinde polo futuro
  • 19.facela voar con dragóns enormes antes de que Pedro Chosco entre no cuarto das crianzas a fechar todos os ollos
  • 11.lanzala ao ceo cos papaventos e botala ao chan para que bailen as buxainas
  • 12.escribila nas paredes con versos que poida entender todo o mundo
  • 13.levala ao traballo a primeira hora para que se comporte puntual e eficiente 
  • 14.introducila na lista da compra para que non nos esquezan o azucre e as patacas
  • 15.pedila ao camareiro para que nos saiba mellor o café con leite
  • 16.ensinárllela aos turistas como a mellor postal da nosa terra 

e, sobre todo,

  • 17.sacala fóra cando nos piden que a gardemos

mércores, 13 de maio de 2015

martes, 12 de maio de 2015

O texto argumentativo

Lembrade que tedes aquí xa dúas entradas sobre o texto argumentativo.

O texto argumentativo é unha modalidade discursiva que ten como finalidade defender mediante argumentos unha idea ou tese. Á hora de redactar un texto argumentativo tedes que partir dunha estrutura previa:
1.- Tese ou tema
2.- Título, ou ben obxectivo -que informa- ou ben subxectivo -que opina-.
3.- Procura de información
4.- Argumentos. Pódense buscar argumentos de autoridade. Procurar utilizar argumentos a favor e argumentos en contra; engadir argumentos de experiencia persoal ("no meu caso", a min pasoume")
5.- Adxectivos valorativos ("importante, fundamental, magnífico, extraordinario, imprescindible, moi + adxectivo")
6.- Conectores textuais ("ademais, en primeiro lugar, por outra parte, pero, en resumo, en definitiva, como conclusión")

Un exemplo, en castelán.

Nesta páxina tamén atopei isto:

O texto argumentativo ten como finalidade convencer, ben demostrando unha opinión ou ben rebatíndoa. A función lingüística predominante é a apelativa, posto que o discurso está encamiñado en producir no receptor unha determinada reacción. A esta función debemos engadir a representativa, pois os argumentos utilizados para convencer usan variantes de textos expositivos, como definicións, ou descritivos, de maneira que as opinións subxectivas que defendemos se vexan reforzadas por razóns obxectivas.
Textos argumentativos son os ensaios científicos, filosóficos, os discursos políticos, os artigos de opinión xornalísticos, as intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén as discusións espontáneas do noso día a día.
 
Argumentar non é simplemente contradicir, nin berrar nin descualificar ao adversario. Argumentar é opoñer mellores razóns que apoien as nosas opinións fronte ás dos adversarios e tamén artellar unha estratexia intelixente na súa exposición. Sempre é mellor considerar que, por moito que non esteamos de acordo, os demais tamén terán as súas boas razóns e, por suposto, o respecto por eles e as súas opinións debe quedar claro, tanto nos nosos argumentos como na súa posta en escena no texto oral ou no escrito. 
  
ESTRUTURA DO TEXTO ARGUMENTATIVO
Todo texto argumentativo parte dunha idea básica, a tese, que terá que ser explicada e reforzada ao longo do seu desenvolvemento.
A estrutura habitual consta de introdución, desenvolvemento e conclusión. Sempre é aconsellable facer antes un esquema no que se enuncie claramente a tese, se apunten todas as ideas que se nos ocurran que poidan reforzala e se lles dea unha orde. Cada unha destas ideas poderá converterse logo nun parágrafo:
  • Introdución: Comézase por presentar o tema que se vai tratar dunha maneira xeral para ir achegándose a un aspecto concreto sobre o que ao final deste apartado se enunciará claramente unha opinión: a tese.
  • Desenvolvemento: Trátase de ampliar a idea central, a tese, e reforzala mediante a ilustración por medio de exemplos, citas, descricións, datos, opinións de autoridade ... Cada unha das ideas apuntadas no esquema convertirase nun parágrafo que debe relacionarse coherentemente co anterior e co seguinte. Nestes parágrafos, a idea principal da que se parte pode ampliarse con varias ideas relacionadas (ideas secundarias) que a completen e ilustrala con exemplos.
  • Conclusión: pódese facer unha recapitulación dos principais argumentos e reafirmarse na tese inicial ou tamén pódese rematar con algunha frase que resuma a idea defendida ou que apunte unha nova idea que se poida inferir do que se leva dito e mesmo unha invitación a sumarse á opinión defendida e actuar en consecuencia. 
Segundo a orde lóxica que se escolla podemos falar de dous tipos de argumentacións:
·      Argumentación dedutiva ou estrutura analítica: que parte da tese, segue co corpo de argumentos e remata na conclusión.
·      Argumentación indutiva ou estrutura sintética: que parte dos argumentos para chegar ao final, a modo de conclusión, á tese.
Un bo esquema sobre o que practicar sería un texto argumentativo formado polo menos por cinco parágrafos: 1º a introdución, 2º argumento a favor, 3º argumento a favor, 4º argumento en contra e refutación, 5º conclusión.
PROCEDEMENTOS DISCURSIVOS E LINGÜÍSTICOS
  • A definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
  • A comparación: serve para poñer en relación ideas, poñer exemplos con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos.
  • A exemplificación: achega exemplos concretos que facilitan a comprensión de razoamentos abstractos.
  • A enumeración de exemplos ou argumentos proporciona unha base sólida para apoiar a tese.
  • A interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario e reforzar así o propio ou mesmo para enunciar as reticencias que un razoamento propio poida suscitar para, a continuación, rebatelos.
Un texto argumentativo, como calquera outro tipo de texto, debe presentar adecuación entre a expresión lingüística (tanto no plano morfosintáctico como no plano léxico) ao receptor, ao contexto e á intención coa que é feito.
É moi importante que o texto argumentativo dea unha impresión de coherencia lóxica, para o cal é imprescindible que as partes (parágrafos) estean ben ordenadas e sigan unha progresión que conduza á conclusión. Para isto é imprescindible elixir ben os conectores ou marcadores discursivos: conxuncións, locucións conxuntivas, adverbios que organizan o texto.
No entramado textual existen mecanismos de cohesión léxica (repetición de palabras clave ou conceptos sinónimos sobre o tema), cohesión gramatical (uso de pronomes e adverbios que fagan referencia a algo que xa se dixo ou que se vai dicir) que vaian establecendo vínculos entre si a medida que o texto avanza, de maneira que se aprecie que son partes dun todo.

xoves, 2 de abril de 2015

PROXECTO “Poetizámonos”

Como sabedes, díxenvos que nesta terceira avaliación iades seguir traballando co libro Poetízate. E propúxenvos varias opcións. Falando con Mar e Arancha, elas propoñen facer un vídeo a partir do seguinte esquema:

EXERCICIO: Creación dun video para ilustrar ou representar un poema.
-   Traballo en grupos de 2/3 alumnos/as.
-   Pódese empregar fotografía, video e música.
-   Acéptase o uso de móbiles, cámaras dixitais, Internet,…
-  Pódese editar o vídeo con diferentes programas de edición, (ver titoriais na rede,) poñer título e créditos e empregar algún efecto e transición. Duración mínima de 2 minutos e máxima de 5 min.

PRESENTACIÓN DO STORY BOARD: semana do 27 ao 30 de abril.
-   Indicar os membros do grupo e o poema co que  se vai  traballar.
-   Explicar a idea/ideas para facer o vídeo.
-  Deseñar o story board, o guión principal da gravación mediante unha secuencia breve de imaxes (tipo cómic).

PRESENTACIÓN DO VIDEO: semana do 25 ao 28 de maio.

luns, 30 de marzo de 2015

Lectura obrigatoria (IV)

Non foi unha decisión doada, e ben sei máis dun hame dicir que non lle gusta o libro, que lle resulta pesado... pero coido que será difícil que vos acheguedes a este texto no futuro, polo que aí vai a vosa quinta e penúltima lectura obrigatoria. Trátase dun clásico que cómpre coñecer, e xa que temos esta elección na nosa lingua imos aproveitala.

.- As mil e unha noites. Vicens Vives

Aínda que xa hai moitos séculos que se escribiu a máis fermosa e variada compilación de contos orientais baixo o título de As mil e unha noites, difundida polo orientalista francés Jean Antoine Galland, esas historias relatadas por Sherezade para librarse da morte continúan vixentes no século XXI.


venres, 20 de marzo de 2015

Lendo "Poetízate" (II)


Agora que xa escolliches o poema do libro que máis che gustou, indaga se che apetece sobre o seu autor ou autora, procura información sobre el ou ela e achégate a algún dos seus libros para comprobar se tamén os seus outros poemas son do teu agrado ou se pola contra só che gusta o que escolliches de inicio.
Con este poema terás que facer un cartaz ilustrado ou ben unha fotografía que che suxira o poema ou ben un vídeo: na rede tes moitos exemplos de vídeos que fixeron compañeiros e compañeiras vosas anteriormente recreando poemas. Tamén podedes pórlle música e facer unha canción do poema. Tedes liberdade para escoller!!!



Primeiro, escribe o poema e comenta as ideas que sentes cando o les, os sentimentos que che provoca...

https://www.youtube.com/playlist?list=PLdJ-2ohvNytsYVLIcnopcePYBD1UubSjh

https://www.youtube.com/watch?v=Su-9EiGndqY













venres, 13 de marzo de 2015

Lendo "Poetízate"

Grazas a Rosa Salgueiro e a Carme Moure por ofrecerme o seu traballo. Un traballo que agora pasa a mans do meu alumnado.


Cando vos mandei ler este libro, todas e todos puxestes cara de "Oh, non, poesía". A meta que perseguimos arestora é que ao final do libro digades: "que ben, poesía". Ou cando menos que perdades algo dese medo que lle tedes a este xénero que vos vai encandilar. Para iso, temos unha selección marabillosa que Fran Alonso realizou neste libro. Non pretendo que vos gusten todos os poemas, agardo que -cando menos- si vos guste algún, que esperte a vosa curiosidade por coñecer mellor a obra dun autor ou autora e que sigades mergullándovos na poesía de cando en vez para sempre.

A POESÍA NON MORDE!!!

Na clase xa lemos o Limiar de Fran Alonso onde explica os motivos polos que elaborou este libro, xa falamos dos tópicos que existen sobre a poesía e de cales deses tópicos coinciden co voso pensamento.
Realizamos tamén unha pequena pescuda de autores, autoras e as súas obras.

Agora terás que facer o seguinte traballo:

1.- En primeiro lugar vas escoller dez poemas suscitados polos dez motivos diferentes que che suxerimos. Sempre seguindo o teu gusto persoal. Escribe o nome do autor/a e o título do poema (se non leva título ningún, escribe o primeiro verso completo).

  1. O poema máis divertido de todo o libro foi...                                 porque..
  1. O poema máis atrevido de todo o libro foi...                                   porque... 
  1. O poema máis sorprendente de todo o libro foi...                          porque...
  1. O poema máis sentimental de todo o libro foi...                             porque..
  1. O poema máis misterioso de todo o libro foi...                                porque...
  1. O poema máis erótico de todo o libro foi...                                     porque...
  1. O poema máis amoroso de todo o libro foi...                                  porque...
  1. O poema máis triste de todo o libro foi...                                        porque...
  1. O poema máis alegre de todo o libro foi...                                      porque...
  1. O poema máis rítmico de todo o libro foi...                                     porque...


2.- A seguinte fase é escoller versos.. Non ten por que gustarche o poema a que pertencen, podes escoller dez versos que recordas especialmente, polos motivos que sexan: porque soan ben, porque eran diferentes, porque resumían perfectamente algo que ti sentiches algunha vez, porque resultan estraños, porque che fan pensar, porque te fan rir ou chorar, porque expresan algo que sentías pero que non sabías comunicar...

Lembra que podes escoller un verso que che guste moito, aínda que pertenza a un  poema que no seu conxunto non che interese especialmente.

Ti dedices eses dez versos;  indicando a que poema e autor pertencen.


3.- Última fase (polo de agora): escolle o teu poema preferido entre todos, aquel que realmente che chegou ao corazón, comentando por que, que sensacións e ideas che fai sentir cando o les. E deberás tamén escoller o que menos che guste de todos os poemas do libro, tamén explicando o porqué.