martes, 25 de outubro de 2016

A cantiga de amigo







1.1. Orixes
-Xénero poético de orixe autóctona. Modelo da canción de amor
Feminina (kharjas). Xénero pre-trobadoresco.

1.2. Características xenéricas
-Voz poética: fala unha muller nova (amiga), que se dirixe ao seu amigo (namorado), lamenta a súa ausencia ou refire as alegrías e tormentos que lle produce o amor. A voz poética tamén pode ser a da nai, unha confidente...
-Ambientación en paraxes naturais
-Léxico popular, arcaísmos
-Símbolos da natureza (cervos, auga, cabelos, vento...)
-Recursos de repetición (paralelismo, leixaprén e refrán)

1.3. A forma da cantiga de amigo
-Refrán: versos que se repiten literalmente despois de cada estrofa dunha composición (independentes en rima). Se a composición carece de refrán, é de mestría (provenzal).
-Paralelismo: propio da poesía popular (literal= palabras; estrutural= estruturas sintácticas; semántico= significados)
-Leixaprén:en cantigas cuxas estrofas están formadas por dous versos (dísticos). O segundo verso da primeira estrofa, repítese literalmente como primeiro da terceira; o segundo verso da segunda, como primeiro da cuarta, e así sucesivamente.

1.4. A temática das cantigas de amigo
-Tema básico: a ausencia do namorado e os efectos que produce na amiga.
Estados emocionais da amiga e relacións con outros personaxes (nai, irmás, amigas...)
-Auto-loanza da amiga
-Laméntase pola ausencia do amigo
-Tenta remover os obstáculos
-Propósito de reunirse co namorado
-Canta as alegrías do amor

-Subxéneros temáticos:
-Mariñas ou barcarolas
-Cantigas de romaría
-Bailadas
-Albas

1.5. Modos poéticos
-Cantigas narrativas: a voz poética non se dirixe a ningún destinatario explícito (terceira persoa)
-Cantigas monologadas: segunda persoa como destinataria
-Cantigas dialogadas: dúas ou máis voces, forma dialogada

1.6. Personaxes da cantiga de amigo
-A amiga: inxenuidade + forte pulsión erótica. Estados psicolóxicos variables (medo, ledicia...)
-O amigo: variedade de actitudes (distante, afastado pola guerra, frívolo...)
-Irmás e amigas: confidentes (ou rivais)
-A nai: interlocutor privilexiado. Censura ou aconsella. Desaproba as relacións.
-Os personaxes masculinos quedan fóra. Non hai figura paterna.

1.7. A natureza no discurso amoroso
-Papel importante da natureza.Sitúan a cantiga nun espazo concreto. Ten diferentes funcións:
-Función referencial: topónimos localizadores da acción (santuarios, mar, río...)
-Convértese en personaxe a quen a amiga se dirixe (flores, piñeiros, abeleiras...)
-Función simbólica:
-a auga asóciase á fertilidade e á relación erótica
-o cervo simboliza a sexualidade masculina
-a fonte representa o encontro amoroso
-o mar ten diferentes funcións (separación, confidente, paixón)
-o vento é mensaxeiro

 

luns, 24 de outubro de 2016

O trobador eran elas

Boa parte da lírica medieval galego-portuguesa era tradición oral feminina, segundo Ria Lemaire



Os trobadores non crearon as cantigas de amigo galego-portuguesas, só foron os seus transmisores. Na realidade, estas composicións foron un labor colectivo de mulleres no campo da literatura oral. Cando menos, así o defende Ria Lemaire, especialista na relación entre literatura oral e escrita que visitou o noso país o pasado outono. Segundo as súas ideas, estes textos fundacionais das nosas letras farían parte do noso patrimonio inmaterial.
Aínda hoxe, a corrente maioritaria dos estudos de Literatura Medieval consideran que as cantigas de amigo eran obra de trobadores homes que adoptaban nestes temas papeis femininos. No entanto, hai correntes que apostan por considerar que os personaxes aos que se lles atribúe a autoría destas cancións unicamente as terían interpretado e non serían os seus autores.

Ria Lemaire

Ria Lemaire é unha das máis destacadas especialistas internacionais que avogan por esta teoría. A investigadora, nada en Holanda, é profesora da Universidade de Poitiers, Francia, onde dirixe o equipo do Centro de Estudos Latino-Americanos e o Acervo Raymond Cantel de literatura de cordel brasileira. Especializada en literatura medieval, coordina un programa dedicado aos estudos comparados en tradicións orais e a súa relación co mundo da escrita. En relación ao noso país, canda ás súas investigacións sobre a lírica medieval, participou en Cores do Atlántico, un libro-CD editado por Ponte… nas ondas! no que a brasileira Socorro Lira reinterpretaba cantigas de amigo desde unha perspectiva actual coa colaboración de artistas galegos como Uxía Senlle e que se editou en 2010. Lemaire colabora desde hai anos con esta iniciativa, coa que está a elaborar un novo volume do proxecto Cores do Atlántico. Desta volta será Uxía quen versionará 16 cantigas na liña da tradición galega. Ponte… nas ondas! convidouna o último outono a impartir no noso país dúas conferencias para falar sobre a súa visión encol deste tema

mércores, 5 de outubro de 2016

Regras de acentuación

SE tedes algunha dúbida respecto a estes exercicios de repaso que estamos a facer na aula, podedes acudir á seguinte ligazón. Alí está todo moi ben explicado:

Acentuación gráfica

luns, 3 de outubro de 2016

A crítica literaria


Unha crítica literaria é unha opinión razoada sobre unha obra literaria: unha novela, un álbum ilustrado, un poema…
            O seu propósito é deixar constancia de se merece a pena ler, ou non, o libro, álbum ilustrado, obra teatral… que vas comentar.
Aspectos que hai que destacar
  1. Pódese comezar coa presentación do libro: novela, álbum ilustrado, cómic, teatro, poesía… e  sinalar que tipo de temática se trata (social, misterio, terror, amor, humor….
  2. A continuación búscase expor de xeito preciso o conxunto de aspectos que se desexan destacar, o tema principal, personaxes destacados, estrutura ou calquera que sexa. Non deas demasiados detalles e nunca digas o final.
  3. Por último, emítese un breve xuízo persoal destacando os aspectos positivos ou negativos do mesmo. É neste momento cando podes incluír as reflexións persoais que creas oportunas, debido que ata este momento, a función do texto debe ser fundamentalmente informativa.
Aquí podes contar que che transmitiu o libro, que significou para ti, que sentiches ao lelo ou a que lectores llelo recomendas e por que…
.
Que a crítica non che saia nin demasiado longa, nin demasiado curta. Se ocupa máis de media páxina, talvez esteas dando moitos detalles; e se son só un par de parágrafos, probablemente esteas contando demasiado pouco.
Revísaa!  É importante que  estea ben construída e redactada, que nos informe do libro sen destripar o argumento e que , ao lela, nos dea a todos moitas ganas de lelo tamén, ou non.

domingo, 2 de outubro de 2016

Ao rematar a lectura...

Nesta avaliación na que estamos a facerlle unha homenaxe a Agustín Fernández Paz, podedes escoller un dos seguintes traballos ao rematar a lectura:

.- Booktrailer: un pequeno vídeo que promociona un libro. 
Elementos dun booktrailer:
- Entrada de presentación e editorial
- Textos seleccionados do libro
- Imaxes
- Información sobre o autor
Características:
- Pouca duración
- Gran intensidade
- Funciona como un pequeno avance
- Trata de enganchar o público
- Proporciona información

.- Booktuber: precisamos unha webcam, un ordenador, e falar. É facer unha crítica do libro lido, compartindo a paixón libresca.

.- Un álbum ilustrado. Converter o libro en álbum

.- Un cómic. Converter o libro en cómic