martes, 16 de setembro de 2014

Organización do curso


O libro de texto que se utiliza é "Lingua e Literatura Galega" de 3º de ESO da editorial Santillana, Os Camiños do Saber. Está dividido en dous tomos, e terédelos nas taquillas de voso posto que imos alternar a súa utilización.
Ademais, debedes ter un Caderno  para  exercicios escritos (mellor de follas intercambiábeis): obrigatorio e a disposición do profesor. Nel iredes vendo os vosos progresos na escrita, unha parte ben importante do curso. Pódovolo pedir en calquera momento, polo que teredes que telo sempre coidado e non podedes esquecelo na casa.
Lembrade: ESCRIBIR É UN LABOR DIFÍCIL, e teremos que corrixir unha e mil veces para irmos mellorando.

Haberá dous exames por avaliación que constituirán o peso específico da nota, un 60%, por tanto 6 puntos. Os exames inclúen tanto aspectos de Literatura dados na aula, como Vocabulario visto na clase. Asemade poderase incluír algunha pregunta de Gramática e de Comprensión de textos. Normalmente,  os exames comezan cun texto inzado de erros para corrixir: procuraremos con el irmos pola rúa vendo os múltiples erros ortográficos que nos rodean (Centro urbán)
O resto da nota da avaliación sairá dos exercicios de EXPRESIÓN ORAL E ESCRITA: narracións, descricións, diálogos, exposicións, argumentacións... Esta parte constitúe un 30% da nota, ou sexa, 3 puntos. Estes exercicios poderanse realizar ben na casa ben na aula. Os feitos na casa serán recollidos por min e constituirán a metade desta nota, é dicir, un 1,5 puntos. Os outros 1,5 puntos aportaranse con textos elaborados na aula, así como da exposición oral dun tema que se realizará en grupo.
Os libros de lectura obrigatoria valen 1 punto, a razón de 0,5 cada un. En todas as avaliacións hai dous.

Para superar a materia, cómpre unha media de 5 nas avaliacións, pero para que se poida realizar esta media non se poderá baixar dun 4. Con menos desta nota, esa avaliación vai directamente á recuperación de Xuño, xa que durante o curso non haberá recuperacións.
En setembro, claro está, entra toda a materia, incluída a elaboración dun texto.

 Os erros de lingua (ortografía, colocación errónea do pronome átono, uso de tempos compostos, incoherencias...) descontan 0,1 puntos. Tamén descontarase ata 1 punto por mala presentación, tanto nos exames coma nos texto.
O máximo desconto por erros non superará os -2 puntos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario