domingo, 28 de setembro de 2014

O texto narrativo (II)



Narrar -xa o vimos- é contar sucesos reais ou imaxinarios que lles suceden a un ou varios personaxes nun espazo en un tempo determinados.
A narración está presente en moi diversas situacións: prensa, radio, cómics, chistes, anécdotas, cine... No ámbito literario consideramos diversos xéneros ou tipos de narración:
· En verso:
- A epopea que é o relato dos feitos memorables dun pobo ou dun heroe.
- O romance que é un poema narrativo que trata sucesos históricos, lendarios ou
da vida cotiá.
· En prosa:
- O conto é un relato breve cun argumento sinxelo
- A lenda, que é un relato breve no que se mesturan elementos históricos con
fantásticos.
- A novela é unha narración longa con gran abundancia de personaxes e un argumento complexo.

Este é o Romance de DonGaiferos, explica o seu argumento e explica por que se trata dun texto narrativo.
 
I a onde vai aquel romeiro,
meu romeiro, a onde irá?
Camiño de Compostela,
non sei se alí chegará.

Os pes leva cheos de sangue
e non pode máis andar,
malpocado, probe vello!
non sei se alí chegará.

Ten longas e brancas barbas,
ollos de doce mirar,
ollos gazos, leonados,
verdes como auga do mar.

-I a onde ides meu romeiro,
onde queredes chegar?
-Camiño de Compostela,
onde teño o meu fogar.

-Compostela é miña terra
deixeina sete anos hai
relucinte en sete soles
brilante como un altar

-Cóllase a min meu velliño
imoss xuntos camiñar,
eu son trobeiro das trobas
da Virxe de Bonaval

-I eu chámome don Gaiferos
Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas
meu Santiago mas dará.

Chegaron a Compostela
e foron á Catedral,
Ai, desta maneira falou
Gaiferos de Mormaltán:

-Gracias meu señor Santiago
os vosos pés me tés xa,
si queres tirarme a vida
pódesma señor tirar,
porque morrerei contento
nesta santa Catedral.

E o vello das brancas barbas
caíu tendido no chan,
Pechou os seus ollos verdes
verdes como a auga do mar.

O bispo que esto ovíu
alí o mandou enterrar
E así morreu meus señores
Gaiferos de Mormaltán.

Iste é un dos moitos milagres
que Santiago Apostol fai

Ningún comentario:

Publicar un comentario