luns, 14 de outubro de 2019

O texto narrativo

Narrar é contar uns feitos que sucederon. O narrador conta, relata, refire unha historia (un feito real ou imaxinario no que suceden determinadas accións) que lle sucede a alguén (personaxes humanos ou non, reais ou ficticios, individuais ou colectivos) e desenvólvese nun determinado lugar e tempo. A narración interrómpese con frecuencia pola presenza de descricións, diálogos, aínda que é posible que unha narración por si soa chegue a constituír un texto propiamente dito. 
Por tanto, narrar é contar uns feitos reais ou imaxinarios cuns personaxes nun tempo e lugar determinados.
A narración utilízase principalmente nos textos literarios e xornalísticos, pero pode aparecer en calquera tipo de texto, incluída a conversa. A función predominante é a referencial, pero iso non implica que a intención comunicativa sexa necesariamente informativa, pode ser entreter, convencer, etc.

1.- Cales son so cinco elementos da narración?

-          Narrador: interno (1ª persoa) ou externo (3ª persoa)
-          Personaxes: principal (protagonista) e secundarios. Pode aparecer un antagonista.
-          Espazo: aberto ou pechado; real, imaxinario ou fantástico
-          Tempo: desde o principio, a metade da historia (o máis frecuente) ou desde o final; tempo externo ou tempo interno.
-          Acción:  sucesos que lle ocorren aos personaxes. Diferenciamos entre o TEMA (de que trata o texto), o ARGUMENTO (sucesión de acontecementos ou situacións) e TRAMA (organización dos acontecementos). Ou sexa, o tema desenvólvese sobre o argumento a través da trama

 
2.- Os personaxes



Segundo o seu papel na historia os personaxes poden ser protagonistas ou secundarios. Os protagonistas realizan unha serie de accións para conseguir uns obxectivos e outros personaxes (principais ou secundarios) axudan aos protagonistas a conseguir os seus obxectivos (aliados) ou lles poñen obstáculos (adversarios).
Tamén pode aparecer un antagonista, que é o personaxe que se opón ás accións do protagonista e intenta que non consiga o seu propósito
Os personaxes poden ser planos, aqueles que responden durante toda a obra a un esquema establecido desde a súa aparición sen variar no desenvolvemento da acción. Normalmente este esquema tipo verá configurado por obras literarias anteriores, neste caso os personaxes serán arquetípicos. Unha segunda posibilidade é un tratamento fondo dos personaxes principais que responden a unha complexidade psicolóxica considerable e que, polo tanto, non serán facilmente reducibles a un esquema; estes son denominados caracteres redondos e van evoluíndo a medida que avanza a historia. 

3.- Espazo e tempo


O espazo pode estar concibido como un espazo obxectivo, é dicir, como un reflexo máis ou menos fiel do mundo real, ou ben como un espazo subxectivo cando aparece determinado pola percepción que o personaxe realiza desde a súa subxectividade.
En canto ao tempo, hai que ter en conta en primeiro lugar o tempo externo que refire a época histórica en que suceden os feitos relatados e o tempo interno que fai referencia tanto á orde cronolóxica dos acontecementos narrados como á súa duración. Cando o narrador relata os feitos na orde en que sucederon dise que é una  narración lineal, pero pode haber alteracións da orde que dean lugar a saltos temporais ou anacronías, que se producen cando hai discordancia entre a orde da historia, lóxica e lineal, e a orde do discurso, subxectivo e dependente do punto de vista. Hai dous tipos fundamentais de anacronías: a analepse (flash back), evocación de momentos anteriores, e a prolepse, anticipación de acontecementos posteriores ao tempo da historia.

4.- O narrador


O narrador (ente de ficción encargado de contar a historia) pode relatar os feitos en primeira persoa, (narrador personaxe/narrador protagonista), en terceira persoa, (narrador testemuño dos acontecementos) ou mesmo en segunda persoa (como un desdobramento da primeira persoa).


O grao de coñecemento dos feitos por parte do narrador determina a perspectiva ou punto de vista, que pode cambiar ao longo do relato. O primeiro elemento estrutural na narración é o punto de vista xa que o problema previo á estruturación da materia narrativa é saber quen será o narrador e desde que punto de vista vai ser tratada. Atendendo á perspectiva podemos distinguir os seguintes narradores:
  •          Punto de vista externo: o narrador é unha voz situada FÓRA da historia, conta feitos nos que on participou como personaxe, limítase a narralos “dende fóra”:
-     Narrador omnisciente: o narrador domina toda a historia, o que ocorre dentro e fóra de cada personaxe, antes e despois, pero non participa na historia.
-   Narrador observador (narrador obxectivista): só conta o que ve e o que oe (accións externas), como unha cámara fotográfica, sen saber (e polo tanto non pode contalo) o que pensan ou senten os personaxes. Ás veces esta voz pode estar dentro da historia, polo tanto, pode ser interno ou externo. Ex.: Crónica de una muerte anunciada).
 
-         Narrador editor: o escritor finxe que a obra non a escribiu el, senón que a atopou escrita e limítase a editala. Ás veces son cartas as que o autor di estar publicando. É unha técnica parecida á do “relato dentro do relato”, onde un personaxe narra a outro unha historia.(Utilizado xa en “Las mil e unha noites”).


  •          Punto de vista interno: o narrador sitúase dentro da historia, como un dos personaxes que participan na acción. Hai varios tipos de narradores internos:
1.       Narrador protagonista: usa preferentemente a primeira persoa narrativa
2.       Narrador personaxe secundario, que pode alternar o uso da primeira e terceira persoa.

(Ex.: as narracións de Sherlock Holmes).
3.  Narrador testemuña, presente como espectador, utiliza preferentemente a terceira persoa. Tamén pode utilizar a segunda.


6.- A NARRACIÓN PRESENTA OS SEGUINTES RASGOS LINGÜÍSTICOS:

  •  Uso do perfecto para enunciar os feitos e do imperfecto para presentar o desenvolvemento das accións:  Chegou cedo, Camiñaba pola rúa cando escoitou un berro
  •    Predominio de oracións enunciativas
  •    Relevancia de complementos circunstancias de lugar e tempo
  •   Utilización de subordinadas adverbiais de causa, finalidade e consecuencia e de coordinadas copulativas que permiten a organización lóxica das accións.
  •    Presenza dos estilos directo e indirecto: Contestoulle: -Boh!; Lembroulle que era tarde.
  •   Utilización de verbos de movemento, acción e lingua: Correu tras ela; Díxolle que non estaba
  •    Emprego de adverbios deícticos de lugar e tempo: Ocorreu alí; Coñeceuno onte




Que outros elementos debemos ter en contar para a redacción dun texto narrativo?:
-  .-   División do texto narrativo en capítulos ou secuencias.
-  .-  Introdución de descricións de persoas, lugares ou obxectos.
-  .- Introdución de diálogos entre personaxes.
-  .- Creación ou non de suspense.
-  .- Final aberto ou pechado.
 .-.-Uso de expresións espaciais (aquí, alí, diante, máis atrás...) e temporais (entón, onte, ao mesmo tempo...)
-  .-  Uso preferentemente de verbos en pasado como o imperfecto (cantaba) ou o o perfecto  (cantou).
-  .-   Uso de verbos de acción ou de lingua (dicir).




Ningún comentario:

Publicar un comentario