martes, 8 de outubro de 2019

O XÉNERO DO SUBSTANTIVO



O xénero é un signo gramatical que leva todo substantivo. Polo xénero os substantivos poden ser masculinos ou femininos. Polo xeral, os substantivos te­ñen un só xénero: ou son masculinos ou son femininos. Non obstante, hai substan­tivos que admiten a variación de xénero e, xa que logo, poden estar en masculino ou en feminino. Exemplo:     
avogado/avogada
xudeu/xudía

A adscrición a un xénero ou a outro vén indicada pola concordancia que o substantivo lles impón aos outros elementos do sintagma nominal:
- Os substantivos masculinos combínanse coas formas masculinas dos determinantes e adxectivos. Exemplo:
o teléfono vermello
o rapaz alto
- Os substantivos femininos combínanse coas formas femininas dos determinantes e adxectivos. Exemplo:
a ponte vella
a vaca rubia

Son masculinos


·        Os nomes das letras:

o a, o be, o ce, o gue, o e, o xe, o uve...

·        Os substantivos rematados en  -ote:

o lote, o dote...

·        Os rematados en  -ume:

o fume, o cume...  (pero a pesadume, a servidume)

·        Os substantivos rematados en  -me:

o abdome, o exame, o arame...

·        Outros coma o leite, o mel, o fel, o sal, o sinal, o labor, o nariz, o sangue, o berce, o la­bor, o sorriso, o ubre, o cárcere, o cal...


Son femininos


·        Os substantivos rematados en   -axe:

a homenaxe, a porcentaxe, a paisaxe, a sondaxe... excepto traxe, paxe, garaxe e personaxe (que tamén pode ser feminino).

·        Os substantivos rematados en  -se,  -ite:

a análise, a crise, a énfase, a farinxite, a hepatite, a dermatite...

·        Os seguintes substantivos: a árbore, a arte, a canle, a calor, a cor,  a dor,  a orde, a orixe, a vertixe, a pantasma, a ponte, a síndrome, a suor...

·                 A maioría das árbores froiteiras, o mesmo que a froita que dan: a maceira, a cerdeira, a pereira, a nogueira, a ameixeira, a claudieira, a laranxeira...
        Se o nome da froi­ta é masculino, polo xeral o nome da árbore tamén o é: o limoeiro-o     limón, o pexegueiro-o pexego.
         Son excepcións:    a figueira-o figo,     o castiñeiro-a castaña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario