domingo, 1 de abril de 2018

Obradoiro de escritura I



Imos empezar a crear personaxes.



En calquera narración ten que haber un protagonista, un personaxe a quen lle pasen todas as cousas que a ti se che ocorran. Ti decides como ten o nariz, se é do tamaño dun zapato, se é pequeniña coma un botón; ti dáslle vida e resolves quen é e que fai, de onde vén e onde vai. Todo está nas túas mans: tes a posibilidade de facer maxia.


Para crear un personaxe...

1º.- Datos básicos


Nome:

Apelidos:

(Tamén podemos utilizar un Alcume)

Data de nacemento:

Cidade:

Profesión:


2º.- Descrición


Trazos e particularidades


3º.- Breve historia


Resumo da súa vida e obra



A DESCRICIÓN DUN PERSONAXE CHÁMASE RETRATO. ATENDENDO ÁS SÚAS CARACTERÍSTICAS FÍSICAS, DENOMÍNASE PROSOPOGRAFÍA. ATENDENDO ÁS SÚAS CARACTERÍSTICAS MORAIS, ETOPEA.



Hai escritores que se deteñen a facer minuciosas descricións dos seus personaxes, revelando ao lector as características físicas e a indumentaria dos mesmos con todo luxo de detalles.



I. A túa tarefa arestora será crear un personaxe buscado pola policía. Como non existe ningunha fotografía del ou dela, terás que facer unha descrición o máis detallada posible para que se poida facer un retrato robot. Pensa e descríbeo ben fisicamente, se ten marcas, tatuaxes, lunares, tics nerviosos... calquera cousa precisa que axude á súa mellor identificación.







SOBRE OS ESTADOS DE ÁNIMO:

Hai escritores e escritoras que con poucas palabras saben describir o estado de ánimo do personaxe. Hai que dar datos ao lector para que comprenda como se sente o protagonista, xa que unha mesma frase pode ter significados completamente diferentes segundo como se diga.

Por exemplo, é moi diferente escribir:

-         “Alicia xirouse bruscamente e dixo moi rabiosa: “Bos días”

-         “Alicia xirouse gracilmente e dixo cun sorriso encantados: “Bos días”




II. A túa seguinte tarefa consiste en describir diferentes estados de ánimo dun personaxe a partir da seguinte frase:

“Bos días, estiven pensando en ti”

Cunha soa condición, na narración non pode aparecer a palabra que define o estado de ánimo sobre o que vas escribir (insomne, feliz, cansa, triste, enfadada).




III. Arestora, unha nova tarefa arredor das personaxes:  
Para poder crear unha historia, primeiro debemos pensar que personaxes interveñen nela. Así que agora imos crear varios personaxes que logo serán os que utilicemos na posterior creación dunha historia. Podedes crear uns personaxes que xiren arredor dalgunha historia ou conto (fadas, dragóns...) dalgún filme, ou crear outros completamente novos. Esa será a vosa elección. Lembrade que tedes que pensar nos datos que vos dixemos ao comezo deste "post".

Déxovos un exemplo:
A BRUXA  RUFINA
Non é unha bruxa común, xa que non lle gusta que a xente -especialmente os nenos e as nenas- lle teña medo, non adoita facer dano a ninguén nin quere asustar xamais.
É unha persoa moi doce e moi sensible, aínda que ninguén o sabe porque a súa aparencia é ben diferente, con ese pucho que utiliza, eses grans monstrosos e ese nariz puntiagudo; a súa compañía máis prezada é un cadeliño de nome "Pelegrín" que acariña a cada momento e con quen comparte a súa soidade de bruxa temerosa, e con quen inventa historias para as súas amigas invisibles. O que máis bota de menos deste mundo é non poder pasear nin ir ao parque a xogar, xa que todo o mundo cando a ve bota a correr espantado. E iso énchea de tristura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario