venres, 30 de marzo de 2018

A descrición

A descricion from marisadc2


AQUÍ tedes unha páxina ben interesante para axudarvos a realizar as vosas descricións. Estes apuntamentos que seguen son tirados de alí. Botádelle un ollo:

A descrición é un texto que presenta os trazos característicos de seres (como unha persoa ou un animal), de obxectos (como unha mesa, un coche etc), de lugares (como unha praia ou unha cidade) ou de fenómenos e procesos (como sentimentos, sensacións, etc).
Polo tanto describir consiste en explicar mediante palabras, de forma detallada e ordenada, como é unha persoa, un obxecto, un lugar etc, para que alguén poida imaxinalo sen velo.
A descrición é algo así como unha pintura ou unha fotografía feita con palabras. Pero mentres que na pintura ou fotografía poden aparecer todos os detalles do que retratamos, unha descrición non consiste nunha simple enumeración de todas as características daquilo que estamos describindo senón na selección das que permiten diferenciar o elemento descrito dos outros da súa especie.
Tendo en conta a finalidade coa que se fai unha descrición distinguimos dous tipos de descrición: a descrición técnica e a descrición literaria.

 

Como elaborar unha descrición

1º paso
  • Debemos observar detalladamente as características e os trazos definitorios do elemento que imos describir. Atenderemos especialmente ás características físicas (de que partes está composto, de que material está feito...), o lugar onde e sitúa, para que se usa ou que función ten...
2º paso
  • Escoller o punto de vista que debemos ou queiramos adoptar: obxectivo ou subxectivo, segundo a función do texto que teñamos que redactar: por exemplo, se imos facer un retrato dun personaxe forzosamente debemos ser obxectivos; pola contra se queremos ridiculizar ese mesmo personaxe facendo unha caricatura del adoptaremos un punto de vista subxectivo.
3º paso
  • Despois da observación e tendo en conta o punto de vista adoptado, seleccionaremos as características que mellor definen o obxecto que imos describir e que o diferencian doutros da súa especie ou similares a el.
  • A descrición non pode ser exhaustiva (non ten sentido dicir absolutamente todo o que se ve nun obxecto, nunha persoa ou nun lugar) senón que se limita aos elementos máis característicos ou interesantes.
  • Non se trata polo tanto de “copiar” con palabras os obxectos reais, senón que ao describilos interpretámolos e seleccionamos de entre todas as súas calidades, aquelas que consideremos máis características. A partir dun mesmo obxecto real dúas persoas farán dúas descricións distintas porque seguramente tamén será diferente a maneira de velo, por exemplo porque a unha persoa lle interesarán aspectos que tal vez á outra lle pasen desapercibidos.
4º paso
  • Ao elaborar finalmente a descrición seguiremos unha orde determinada: podemos comezar facendo unha panorámica xeral do que describimos e a continuación imos describindo cada unha das súas partes; ou describindo o continente ou exterior e a continuación o contido ou interior. Esa ordenación dependerá do obxecto descrito e do noso criterio persoal, mais os datos deberán estar sempre ordenados, non se pode dar a impresión de saltar dunha parte a outra sen seguir ningunha orde.


Para describir unha persoa debemos seguir estas indicacións básicas:
  • Despois de observar e reflexionar sobre a persoa que imos describir, organizaremos a información que nos parece máis destacada. A observación pode ser física ou mental, se imos describir a alguén que non está connosco, pero a quen coñecemos.
  • Seguiremos unha orde, do máis xeral ao máis particular:
  1. Indicaremos o seu xénero (un home, unha muller, un rapaz... )
  2. Diremos a súa idade (naturalmente será a idade aproximada na maior parte dos casos: é unha nena de meses, un vello, unha velliña, un señor maduro, unha moza nova, terá uns vinte anos, andará polos corenta, etc.
  3. Citaremos a súa aparencia xeral: fermoso, feo, atlético, de aspecto canso, musculoso..
  4. Sobre a súa talla indicaremos se é unha persoa alta, baixa, anana, delgada, fraca, barriguda etc.
  5. A continuación describiremos a súa cara, pois é elemento das persoas no que máis nos fixamos e que o máis nos identifica. Ao falar da cara iremos tratando os distintos elementos: a súa forma (ovalada, cadrada, ancha...), o cabelo (abundante ou escaso, negro, loiro, ondulado, liso...), os ollos (grandes, pequenos, vivaces, alegres, claros, escuros, azuis, verdes...), os labios (grosos, finos, carnosos...), a fronte (ampla, pequena...) etc.
  6. Se é o caso falaremos dalgunha característica particular que teña a persoa descrita: calvo, bigote, barba, algunha mancha ou marca significativa.
  7. A continuación, xa para rematar o retrato físico, falaremos da súa vestimenta.
  8. Finalmente daremos información sobre o seu carácter: diremos se é unha persoa amable, sociable, antipática...
Non é obrigatorio seguir necesariamente esta orde; son posibles outras organizacións, pero sempre debe existir unha organización determinada, evitaremos dar a sensación de saltar dun lado a outro sen orde concreta.



Descrición técnica

A descrición aparece con frecuencia en textos de carácter técnico e científico:
  • en xeografía temos descricións de paisaxes, de climas...;
  • na xustiza hai necesidade de describir, por exemplo, o lugar onde se cometeu un delito, a situación na que se produciu o feito que se xulga, o delincuente que fuxiu e foi visto por algunha testemuña...;
  • na arquitectura descríbense o terreo onde se vai edificar e os planos e dependencias dos edificios;
  • en ciencias da natureza hai descricións de animais, de plantas, de minerais etc;
  • nas guías de viaxe descríbense os lugares e os monumentos de interese, as rutas máis interesantes dun lugar etc.
Coa descrición técnica preténdese dar a coñecer as características reais de persoas, de obxectos, de lugares etc.
Neste tipo de descrición procúrase a obxectividade, é dicir, represéntanse as cousas tal como as ve todo o mundo, prescindindo das opinións persoais de quen fai a descrición.
Utilízase unha linguaxe denotativa, é dicir, unha linguaxe na que as palabras están tomadas co seu sentido recto. Son abundantes os termos técnicos e os adxectivos especificativos.
Presenta unha ordenación lóxica, describíndose primeiro o máis xeral e indo despois ao particular, ou o que está máis próximo para seguir co máis afastado etc.
As súas finalidades son:
  • definir: aparece a descrición técnica con este valor en
    • dicionarios
    • enciclopedias
    • libros escolares
    • leis, normas...
  • explicar: aparece con esta finalidade en
    • textos científicos
    • manuais de instrucións
    • noticias e reportaxes de prensa
  • convencer: dáse sobre todo na publicidade, por exemplo en anuncios de
    • venda de pisos
    • ofertas de emprego
    • venda de obxectos de segunda man

Descrición literaria

Na literatura a descrición aparece frecuentemente alternando coa narración e supón unha pausa na historia que se está a contar.
A descrición literaria cumpre as seguintes funcións:
  • Presentar os lugares onde sucede a acción e os elementos que son importantes para a mesma: O lugar pode ser interior (unha casa, un cuarto, unha cova, unha igrexa...) ou exterior (o campo, unha montaña, o mar, unha fraga....).
  • Presentar os personaxes que interveñen na historia que se conta.
  • Anticipar, aclarar ou crear interese sobre a acción que se desenvolve ou se vai desenvolver (unha paisaxe triste ou sinistra anticipa frecuentemente accións negativas; a descrición da mirada dun personaxe pode indicar se está dicindo a verdade ou non). A descrición permite polo tanto comprender mellor a historia que se nos conta.
Entre as principais características da descrición literaria, destacamos as seguintes:
  • A linguaxe é connotativa, é dicir, teñen moita importancia as sensacións ou sentimentos que nos evocan as palabras, non só o seu significado obxectivo.
  • Abundan os adxectivos explicativos, é dicir, aqueles que resaltan determinadas cualidades dos substantivos.
  • A descrición literaria pode ser obxectiva ou subxectiva.
  • Utilízanse, entre outros, recursos literarios como
    • a hipérbole: esaxeración dunha característica;
    • a metáfora: substitución dun elemento por outro co que ten parecido;
    • a comparación: establecemento de relación por semellanza ou parecido;
    • a enumeración: acumulación de elementos.


Características lingüísticas das descricións

Na maior parte dos textos descritivos atoparemos características lingüísticas que nos permiten diferencialos doutros tipos de textos:
 
  • A descrición caracterízase pola organización espacial da información (por exemplo na descrición dunha paisaxe comezarase polos elementos que vemos en primeiro plano, e a continuación, pasarase a describir os situados en planos máis afastados; describindo unha persoa pódese seguir unha orde do máis xeral (o aspecto ou primeira impresión que nos causa) ao máis concreto (a cara, os ollos, as man...) ou comezar coa descrición da cabeza e a continuación o resto do corpo). As partes que compoñen o obxecto descrito sitúanse no espazo con respecto ás outras partes e ao conxunto: indícase que elementos están arriba, cales abaixo, é esquerda ou á dereita, no primeiro plano ou no fondo etc.
  • As referencias ao espazo exprésanse mediante adverbios de lugar: alí, detrás..., e  frases preposicionais con valor locativo: por riba de, por detrás de...
  • Nas descricións son máis importantes e frecuentes os substantivos e os adxectivos que os verbos: os substantivos, porque son as palabras que designan os elementos do que se describe, e adxectivos porque indican as súas calidades ou características.
  • As oracións habituais son as atributivas, é dicir, as que están formadas cos verbos ser ou estar. Tamén son frecuentes as construcións comparativas e adversativas.
  • Os recursos expresivos máis usados son as comparacións e as metáforas.
  • Utilízanse con frecuencia sinónimos, antónimos, hipónimos, hiperónimos...
 
Con respecto ao tipo de linguaxe utilizada nas descricións úsase
  • linguaxe científica (con termos técnicos e precisión no uso do vocabulario), por exemplo nas descricións que atopamos nas enciclopedias;
  • linguaxe literaria (con uso de figuras retóricas: metáforas...), por exemplo na descricións dos personaxes nunha novela;
  • linguaxe coloquial (con utilización de termos correntes, menor precisión de vocabulario...), por exemplo cando lle describimos a algún coñecido como iamos disfrazados na pasada festa do entroido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario