1.
A poesía non morde, non fai dano e, aínda que haxa quen pense o
contrario, non é aburrida, nin romanticona, nin cursi, nin difícil. E
hai moitos tipos de poesía para que elixamos.
2.
A poesía serve para ler, cantar, berrar, recitar, rapear, musicar,
declararse, rebelarse contra o mundo ou unicamente para falar suave á
orella. Tamén é un somnífero para durmir ben, unha pastilla sen química
que mellora a saúde e o benestar, e relaxa ás persoas. E serve, sobre
todo, para explicar as razóns e as emocións que non veñen no dicionario.
3.
Os poemas son como caixas de ferramentas, valen para todo: para
sentilos, manosealos, lelos, cheiralos, gardalos nun armario,
ensucialos, para ligar, para poñelos enriba da cabeza, penduralos na
parede, limpalos, recortalos, reescribilos, merendalos nun bocadillo de
papel, ordenalos, metelos na neveira e lelos coa cabeza máis fría, ou
deixalos sobre a cama para devoralos á noite, clandestinamente, cando
todos se deitaron. Ademais a poesía cura enfermidades como a
impaciencia, os nervios, os pés planos, os enfados, a dor de cabeza, as
feridas imprevistas, as dores de amor, as indixestións, a ansiedade e
algunhas gripes.
4.
A poesía está nas cousas que nos rodean a diario, na música, na
amizade, no supermercado, na risa, na moto, no váter, na esperanza, na
rutina, nas cousas persoais, no calexón sen saída, no mar contaminado,
na tristura, no teu barrio, no ceo cuberto, no ordenador, nun berro, na
paisaxe, na conversa e nas rúas. Onde ti queiras.
5.
O imprtante da poesía non é obsesionarse con descifrala senón saber
gozala, sentila e intuíla. Na poesía reconforta sentir o seu ritmo, a
súa música, a súa sonoridade, os xogos de palabras que por veces nos
deslumbran, as imaxes fascinantes que nos ofrece. E tamén os seus
enigmas. Poetizarse. En definitiva facer da poesía un pracer.
FRAN ALONSO
Ningún comentario:
Publicar un comentario