luns, 30 de setembro de 2019

Lemos, lemos, lemos

Aquí tedes a listaxe de lecturas optativas; hai unha morea! Pero xa sabedes que podedes escoller o libro que vos apeteza, sempre falando comigo primeiro. Coido que hai libros para todos os gustos e para todos os niveis de lectura que poidades ter neste curso. Hai máis de cen propostas:


Alapont, Pasqual: O inferno de Marta. Xerais
Aleixandre, Marilar: Rúa Carbón .   Xerais
Alfaya, An: Grupo. Xerais
Alonso, Fernando : A árbore dos soños. Kalandraka 
Alonso, Fran: Cartas de amor .  Xerais
Alonso, Fran. Poetízate. Antoloxía da poesía galega. Xerais
Alonso, Fran: Street Poems .  Xerais
Álvarez, Blanca: Palabras de pan. Tambre
Agra, Agustín: Trampa de luz. Xerais
As mil e unha noites. Selección de Brian Alderson. Vicens Vives
Bard, Patrick: Cerrarónseme os ollos. Faktoría K
Bechdel, Alison: Fun Home. Unha familia traxicómica. Rinoceronte
Bennett, Alan : Unha lectora fóra do común. Rinoceronte
Blanco, Concha: Berta non soubo voar. Pentalfa
Boyne, John: O neno do pixama a raias.  Faktoría K
Boyne, John: Noah Barleywater escapa da casa . Faktoría K
Boyne, John: O que lle aconteceu a Barnaby Brockett . Faktoría K
Brenan, Herbie: O portal dos elfos. Xerais
Cajaraville, Héctor: O segredo da casa de Formoso. O que leo 
Cajaraville, Héctor: A caixiña dos rancores. Xerais
Cajaraville, Héctor: Denébola, a Roxa. Baía
Calo, Teresa: Marta ante o espello.  Xerais
CanfieldFisher, Dorothy: A aprendizaxe de Betsy.  Editorial Triqueta Verde
Carballude, Pepe: Marxinados. Galaxia
Caride, Ramón: Singamia 1.1. Xerais
Carou Figueira, Natalia: O alento nas costas. Baía edicións
Carroll, Lewis: Alicia no país das marabillas. Xerais
Carroll, Lewis: A través do espello e o que Alicia alí encontrou. El Patito Editorial
Casalderrey, Fina: A Pomba e o Degolado. Xerais
Castaño, Yolanda: O puño e a letra. Xerais
Castelao: Un ollo de vidro. Galaxia
Castro, Francisco: O segredo de Marco Polo. Galaxia
Castro, Rosalía de: Rosalía feminista. Xerais
Cea, Xosé de : Revolución Detrito. Xerais
Cela, Jaume: Silencio no corazón. Galaxia
Cimadevila, Fernando: O mundo secreto de Basilius Hoffman. Urco
Cisneros, Sandra: A casa de Mango Street. Sushi Books
Claudel, Philippe: As almas grises. Rinoceronte
Collazo López, Iria: Como unha áncora. Galaxia
Conan Doyle, Arthur: Un estudio en escarlata. Galaxia  
Costas, Ledicia: A balada dos unicornios.   Xerais   
Costas, Ledicia: O corazón de Xúpiter.   Xerais         
Costas, Ledicia: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.    Xerais 
Costas, Ledicia: Recinto gris.   Xerais         
Costas, Ledicia:   Xardín de inverno. Everest
Christie, Agatha: Asasinato no Orient Expres . Galaxia
Díaz Núñez, Celia: Unha verdade amarga. Galaxia
Docampo, Xabier: O libro das viaxes imaxinarias. Xerais
Dunker, Kristina: Normal, diferente. Galaxia
Esmoris, Érica: Quen salva un can. Xerais 
Estévez, Xavier: Todos os soños. Edelvives
Fajardo, Montse: Invisibles.
Fariña, Anxo: 4 xinetes. Xerais
Fariña, Anxo: Horizonte de sucesos. Xerais
Fernández Paz, Agustín: 
Fraga, Antonio Manuel: Tártarus. Xerais
Fraga, Xesús: Reo. Galaxia
Frank, Ana: Diario. Faktoría K
Funke, Cornelia: Reckless. Xerais
Gaarder, Jostein : A terra de Anna. Faktoría K
Gallego, Elena: Dragal. Xerais
García Teijeiro e Reigosa: Lendo lendas, digo versos. Xerais
Greene, Graham: O terceiro home. Galaxia
Gripe, María: Os escaravellos voan á tardiña. SM
Haddon, Mark: O curioso incidente do can á media noite. Sushi Books
Hesse, Herman: Baixo as rodas . Galaxia
Hesse, Herman:  Siddartha.  Galaxia
Hinton, Susan: Rebeldes. Alfaguara-Obradoiro
Kipling, Rudyard: O libro da selva. Sushi Books
Kropp, Paul: Moonkid e Liberty. Galaxia
Landesa, Daniel: Penumbra. Xerais 
Lema, Xosé Mª : Costa do Solpor. Xerais
Lienas, Gemma:  O diario vermello de Carlota. Galaxia
Lienas, Gemma:  O diario violeta de Carlota. Galaxia
Lindgren, Astrid: Os nenos de Bullerbyn. Sushi Booksç
Lindgren, Astrid: Pippi Mediaslongas. Kalandraka
London, Jack: A chamada da selva. Xerais
López López, Xabier: Biff, Bang, Pow!.  Galaxia
Lourenzo González: Irmán do vento. Xerais
Lozano, Antonio: Eu son Suleimán. Faktoría K 
Lozano, Antonio: Nelson Mandela, o camiño cara á liberdade. Faktoría K
Maceiras, Andrea: Conta nove estrelas. Xerais
Maceiras, Andrea: Nubes de evolución. Xerais
Maceiras, Andrea: Europa Express. Xerais
Maceiras, Andrea: O que sei do silencio. Xerais
Machismos, de micro, nada. Coordinado por Fiadeiras 
Martin, Andreu e Ribera, Jaume: O diario vermello de Flanagan. Galaxia
Martín, Paco: De paraugas. Xerais
Mejuto, Eva: 22 segundos. Xerais
Mejuto, Eva: Memoria do silencio. Xerais
Miranda, Xosé: Ariadna. Xerais
Misa, Iria: Mamá, quero ser Ziggy Stardust. Xerais
Misa, Iria: Segredos no solpor. Xerais 
Misa, Iria: Xa non estou aquí. Xerais 
Morosinotto, Davide: Nemo; o rapaz sen nome. Xerais
Morosinotto, Davide: Nemo; o xigante de pedra. Xerais
Muñoz Puelles, Vicente: A expedición dos libros. Oxford
Negro, Carlos: Aplicación instantánea.  Xerais
Negro, Carlos: Makinaria. Xerais
Negro, Carlos: Penúltimas tendencias. Xerais
Ngozi Adichie : Todos teriamos que ser feministas. Sushi Books
Northomb, Amelie: Un nome de dicionario. Galaxia
Nöstlinger, Christine: Horario de clase, Galaxia
Nozière, JeanPaul: Cabeza de pelouro. Editorial Galaxia
Núñez Singala, X. M.:  Camiños na auga.  Galaxia
Núñez Singala, X. M.:  Comedia bífida .  Galaxia
Núñez Singala, X. M.:  Instrucións para tomar café. Galaxia
Núñez Singala, X. M.: Noite de temporal. O que leo
O Leo: Hai kus. Xerais
Orwell, George: A revolta dos animais. Edicións Positivas
Pérez Iglesias, David: Todo o tempo do mundo. Xerais
Pergaud, Louis :  A guerra dos botóns. Xerais
Poe, Edgar Allan: Os escaravellos de ouro. Os crimes da rúa Morgue. Vicens Vives
Pullman, Philip: A materia escura (Triloxía). Faktoría K
Reigosa, Antonio: Trece noites, trece lúas. Xerais
Reigosa, Carlos: A soidade do asasino. Xerais
Reimóndez, María: Corredora. Xerais
Reimóndez, María: Moda galega. Positivas
Rodríguez Cueto, Milio: A pedra da serpe. Rodeira-Edebé
Roger, Marie-Sabine: Tardes con Margueritte.  Galaxia
Ríos, Eli: Remexido de patacas. Baía
Rivas, Manuel: Madonna e outros contos de inverno.  Xerais
Ruá, Aurora: Debuxos no muro. Galaxia
Saint-Exupery, Antoine de: O principiño. Galaxia
Sales, Dora: Agni e a chuvia. Kalandraka
Salinger, J. D. : O vixía no centeo. Xerais
Sánchez Gálvez, Manuel: Maelström, Maelström. Galaxia
Santiago, Eduardo: O Gran Reino. Xerais
Schlieper, Birgit e Stahl, Nina: Ás veces quero morrer coa risa. Galaxia
Sende, Sechu: Made in Galiza. Galaxia
Sierra i Fabra, Jordi: A modelo descalza. Galaxia
Sierra i Fabra, Jordi: Nun lugar chamado guerra, Galaxia.
Sierra i Fabra, Jordi: As palabras feridas, Galaxia.
Sjón: O rapaz que nunca existiu. Rinoceronte. 
Solar, María: As horas roubadas. Xerais
Solar, María: Os nenos da varíola. Galaxia
Steinbec, John:  De ratos e homes. Galaxia
Stevenson, Robert Louis: A illa do tesouro. Xerais
Taylor, Kressman: Enderezo descoñecido. Xerais
Tomás, Xosé: Nómades. Galaxia
Toro, Suso de: Unha rosa é unha rosa. Xerais
Twain, Mark: As aventuras de Tom Sawyer. Xerais
Twain, Mark: Unha historia detectivesca de dobre canón. Xerais
Uhlman, Fred. Reencontro. Galaxia
Uhlman, Fred: Unha alma nobre. Galaxia
Vanderbeke, Birgit: Mexillóns para cear. Editorial Rinoceronte
Vázquez Freire, Miguel: Anxos en tempos de chuvia. Xerais
Verne, Jules: A illa misteriosa. Xerais
Viaxe ao futuro. Relatos de ciencia ficción. Edición de Agustín Sánchez Aguilar. Vicens Vives
Vila Sexto, Carlos:  O enigma de Caronte.  Galaxia
Vila Sexto, Carlos:  Gárgola.  Galaxia
Wilde, Óscar: A pantasma de Canterville e outros contos. Vicens Vives

martes, 17 de setembro de 2019

Comezamos!

 
O libro de texto que se utiliza é "Lingua e Literatura Galega" de 3º de ESO da editorial Anaya. Está dividido en tres tomos, e terédelos nas taquillas de voso, posto que imos alternar a súa utilización. Lembrade que é importante non levar na mochila moito peso, así que procurade levar nela só o material absolutamente necesario.

Ademais, debedes ter un Caderno  para  exercicios escritos (mellor de follas intercambiábeis): obrigatorio e a disposición da profesora. Nel iremos vendo os vosos progresos na escrita, unha parte ben importante do curso. Pódovolo pedir en calquera momento, polo que teredes que telo sempre coidado e non o podedes esquecer na casa.
Lembrade: ESCRIBIR É UN LABOR DIFÍCIL, e teremos que corrixir unha e mil veces para irmos mellorando. Será unha das partes fundamentais do curso.





A materia divídese en catro apartados:

1.- Haberá dous exames por avaliación que constituirán o peso específico da nota, un 60%, por tanto, 6 puntos. Os contidos que se incluirán serán os referidos a comprensión lectora, expresión escrita, funcionamento da lingua, lingua e sociedade e educación literaria que se traballen en cada avaliación. Haberá contidos que estean presentes nas tres avaliacións.

Normalmente,  os exames comezan cun texto inzado de erros para corrixir: procuraremos con el irmos pola rúa vendo os múltiples erros ortográficos que nos rodean (*Centro urbán)
2.- Probas escritas de comprensión oral e observación sistemática do alumnado na expresión oral:  15% da nota.
Neste apartado incluíremos audicións, lecturas en voz alta, exposicións, debates, dramatizacións, performances... Valoraranse tanto as intervencións planificadas como as espontáneas.
Cómpre prestar atención ás intervencións na aula, tanto coa profesoracomo coas/cos compañeir@s, xa que serán tidas obxectos de cualificación.
Para poder acadar este valor teremos que utilizar sempre a lingua de noso na aula; si, falar castelán penaliza. 
3.- A Comprensión Oral (lectora) chega ata o 10% da nota. Probas escritas e/ou orais de comprensión lectora de fragmentos de obras, textos... Pode haber unha proba específica pero tamén se cuantificarán aquelas traballadas na aula.
4.- A Expresión e Comprensión escrita  valorarase, por tanto, co 15% restante. Estes exercicios poderanse realizar ben na casa ben na aula. Revisaranse as actividades de expresión escrita, traballos individuais, en grupo... tanto realizadas na casa como na aula. Por exemplo, os textos de expresión escrita que deberán elaborarse na casa formarán parte da nota deste apartado..
Valorarase a actividade diaria, preguntas realizadas, actitude (cara á materia, cara á profesora, cara aos/ás compañeir@s...)


Para superar a materia, cómpre unha media de 5 nas avaliacións, pero para que se poida realizar esta media non se poderá baixar dun 3. Cada avaliación terá unha recuperación no seguinte trimestre.
En setembro, claro está, entra toda a materia, agás a oralidade.
En todas as probas e traballos escritos valorarase a expresión escrita, podendo restar ata 2 puntos por estes aspectos: presentación incorrecta, imprecisións terminolóxicas, incoherencias no texto, erros de cohesión (nexos inapropiados e mala puntuación do texto) e incorreccións ortográficas. Estas últimas descontarán do seguinte xeito: a acentuación non diacrítica -0,05 e o resto dos erros -0,1.

 

Non hai libros de lectura obrigatoria. Significa iso que non imos ler? Noooon, todo ao contrario, imos ler, e moito. Cando menos, os primeiros dez minutos da hora de clase serán sempre para ler. Os libros poderedes escollelos na biblioteca entre unha ampla listaxe que abarca todos os gustos; se estades interesad@s nalgún outro que non figura, preguntades se é axeitado e se o é, engadirase a esa proposta inicial. Se a min non me gusta que me impoñan ningún libro, coido que a vós tampouco. Iso si, estamos para aconsellar sobre lectura. Non esquezades: nalgunha parte hai un libro para ti. Hai que procuralo. Por suposto, levarei un control dos libros que leades. En cada trimestre teredes que facer unha recensión obrigatoriamente dalgún deles. Nesta recensión valorarase sobre todo a argumentación e a expresión, mellorándoa de cada vez, e que irá a sumar as notas dese 15% do que vos falei.

Asemade, teredes a oportunidade de mellorar as vosas notas da avaliación coa lectura dun libro optativo e posterior recensión do libro, podendo subir ata 2 puntos esa nota. Sempre que se teña na media dos dous exames da avaliación un 4 como mínimo.

sábado, 19 de maio de 2018

'Cantares Gallegos': os días previos ao 17 de maio de 1863

Publicado en Sermos:

Sobre como foi recibido Cantares Gallegos unha vez publicado hai moito escrito; sobre como se anunciou a publicación, ou como diríamos hoxe, como se planificou o lanzamento editorial e se creou o ambiente necesario para a súa comercialización hai menos, por non dicer nada.

Mais, como foron os días previos ao 17 de maio de 1863?

O quince de marzo de 1863 Galicia, Revista Universal de este reino anuncia a publicación de Cantares Gallegos, versos de Rosalía Castro de Murguía.

Está na prensa, di a revista, “esta preciosa colección de poesías galegas tan apreciadas polos periódicos da Galiza e de Castela”. 300 páxinas, excelente papel francés, letra compacta mais clara e elegante. O prezo, 12 reais. Editor, D. Juan Compañel, Vigo.

Screen Shot 2018-05-17 at 12.51.57
Detallado o produto, cómpre criar o interese necesario para o poder vender e para iso o autor do texto, Francisco de la Iglesia, identifica e illa os elementos que dan valor ao libro e polo tanto xustifican a súa compra:

1.-Cualidade literaria.
2.-Perfección métrica.
3.-O coñecemento que a autora ten da súa terra.
4.-A empatía que este coñecemento vai producir especialmente nas clases populares e
5.-A consecuente popularización da obra derivada da interiorización por parte de lectoras e lectores da proposta literaria de Rosalía.

Así que, continúa a revista, “recomendamos a adquisición da súa nova obra, que non só debe ocupar o andel de todo bon galego literato, senón que parece chamado ese libro a ser de texto para todo poeta que teña que metrificar no galego idioma”

Cualidade literaria e perfección métrica perfectamente recoñecidas. Mais hai máis: os cantares, co tempo, han de se popularizar tanto que mesmo ocuparán a memoria dos campesiños, que os entoarán unidos ás cantigas populares que o propio libro ten pois a autora soubo facer un texto de simbiose total entre a poesía popular, entre as notas “tenras, sentimentais e sinxelas” dos campesiños  e a súa propia poesía.


Na mesma revista o un de maio faise de novo unha apelación á compra do libro: “son tan dignos de atención pública estes textos que parece imposíbel que lidos unha vez ou parte deles, exista persoa normal que non trate de adquirir estas producións”

Só achamos estas dúas notas anunciando a publicación de Cantares. É moito menos do que aconteceu con outras obras. E contrasta coa fría recepción, máis ben indiferenza, que a crítica na Galiza outorgou aos Cantares a partir do 17 de maio de 1863.

domingo, 1 de abril de 2018

Obradoiro de escritura I



Imos empezar a crear personaxes.



En calquera narración ten que haber un protagonista, un personaxe a quen lle pasen todas as cousas que a ti se che ocorran. Ti decides como ten o nariz, se é do tamaño dun zapato, se é pequeniña coma un botón; ti dáslle vida e resolves quen é e que fai, de onde vén e onde vai. Todo está nas túas mans: tes a posibilidade de facer maxia.


Para crear un personaxe...

1º.- Datos básicos


Nome:

Apelidos:

(Tamén podemos utilizar un Alcume)

Data de nacemento:

Cidade:

Profesión:


2º.- Descrición


Trazos e particularidades


3º.- Breve historia


Resumo da súa vida e obra



A DESCRICIÓN DUN PERSONAXE CHÁMASE RETRATO. ATENDENDO ÁS SÚAS CARACTERÍSTICAS FÍSICAS, DENOMÍNASE PROSOPOGRAFÍA. ATENDENDO ÁS SÚAS CARACTERÍSTICAS MORAIS, ETOPEA.



Hai escritores que se deteñen a facer minuciosas descricións dos seus personaxes, revelando ao lector as características físicas e a indumentaria dos mesmos con todo luxo de detalles.



I. A túa tarefa arestora será crear un personaxe buscado pola policía. Como non existe ningunha fotografía del ou dela, terás que facer unha descrición o máis detallada posible para que se poida facer un retrato robot. Pensa e descríbeo ben fisicamente, se ten marcas, tatuaxes, lunares, tics nerviosos... calquera cousa precisa que axude á súa mellor identificación.







SOBRE OS ESTADOS DE ÁNIMO:

Hai escritores e escritoras que con poucas palabras saben describir o estado de ánimo do personaxe. Hai que dar datos ao lector para que comprenda como se sente o protagonista, xa que unha mesma frase pode ter significados completamente diferentes segundo como se diga.

Por exemplo, é moi diferente escribir:

-         “Alicia xirouse bruscamente e dixo moi rabiosa: “Bos días”

-         “Alicia xirouse gracilmente e dixo cun sorriso encantados: “Bos días”




II. A túa seguinte tarefa consiste en describir diferentes estados de ánimo dun personaxe a partir da seguinte frase:

“Bos días, estiven pensando en ti”

Cunha soa condición, na narración non pode aparecer a palabra que define o estado de ánimo sobre o que vas escribir (insomne, feliz, cansa, triste, enfadada).




III. Arestora, unha nova tarefa arredor das personaxes:  
Para poder crear unha historia, primeiro debemos pensar que personaxes interveñen nela. Así que agora imos crear varios personaxes que logo serán os que utilicemos na posterior creación dunha historia. Podedes crear uns personaxes que xiren arredor dalgunha historia ou conto (fadas, dragóns...) dalgún filme, ou crear outros completamente novos. Esa será a vosa elección. Lembrade que tedes que pensar nos datos que vos dixemos ao comezo deste "post".

Déxovos un exemplo:
A BRUXA  RUFINA
Non é unha bruxa común, xa que non lle gusta que a xente -especialmente os nenos e as nenas- lle teña medo, non adoita facer dano a ninguén nin quere asustar xamais.
É unha persoa moi doce e moi sensible, aínda que ninguén o sabe porque a súa aparencia é ben diferente, con ese pucho que utiliza, eses grans monstrosos e ese nariz puntiagudo; a súa compañía máis prezada é un cadeliño de nome "Pelegrín" que acariña a cada momento e con quen comparte a súa soidade de bruxa temerosa, e con quen inventa historias para as súas amigas invisibles. O que máis bota de menos deste mundo é non poder pasear nin ir ao parque a xogar, xa que todo o mundo cando a ve bota a correr espantado. E iso énchea de tristura.

venres, 30 de marzo de 2018

A descrición

A descricion from marisadc2


AQUÍ tedes unha páxina ben interesante para axudarvos a realizar as vosas descricións. Estes apuntamentos que seguen son tirados de alí. Botádelle un ollo:

A descrición é un texto que presenta os trazos característicos de seres (como unha persoa ou un animal), de obxectos (como unha mesa, un coche etc), de lugares (como unha praia ou unha cidade) ou de fenómenos e procesos (como sentimentos, sensacións, etc).
Polo tanto describir consiste en explicar mediante palabras, de forma detallada e ordenada, como é unha persoa, un obxecto, un lugar etc, para que alguén poida imaxinalo sen velo.
A descrición é algo así como unha pintura ou unha fotografía feita con palabras. Pero mentres que na pintura ou fotografía poden aparecer todos os detalles do que retratamos, unha descrición non consiste nunha simple enumeración de todas as características daquilo que estamos describindo senón na selección das que permiten diferenciar o elemento descrito dos outros da súa especie.
Tendo en conta a finalidade coa que se fai unha descrición distinguimos dous tipos de descrición: a descrición técnica e a descrición literaria.

 

Como elaborar unha descrición

1º paso
  • Debemos observar detalladamente as características e os trazos definitorios do elemento que imos describir. Atenderemos especialmente ás características físicas (de que partes está composto, de que material está feito...), o lugar onde e sitúa, para que se usa ou que función ten...
2º paso
  • Escoller o punto de vista que debemos ou queiramos adoptar: obxectivo ou subxectivo, segundo a función do texto que teñamos que redactar: por exemplo, se imos facer un retrato dun personaxe forzosamente debemos ser obxectivos; pola contra se queremos ridiculizar ese mesmo personaxe facendo unha caricatura del adoptaremos un punto de vista subxectivo.
3º paso
  • Despois da observación e tendo en conta o punto de vista adoptado, seleccionaremos as características que mellor definen o obxecto que imos describir e que o diferencian doutros da súa especie ou similares a el.
  • A descrición non pode ser exhaustiva (non ten sentido dicir absolutamente todo o que se ve nun obxecto, nunha persoa ou nun lugar) senón que se limita aos elementos máis característicos ou interesantes.
  • Non se trata polo tanto de “copiar” con palabras os obxectos reais, senón que ao describilos interpretámolos e seleccionamos de entre todas as súas calidades, aquelas que consideremos máis características. A partir dun mesmo obxecto real dúas persoas farán dúas descricións distintas porque seguramente tamén será diferente a maneira de velo, por exemplo porque a unha persoa lle interesarán aspectos que tal vez á outra lle pasen desapercibidos.
4º paso
  • Ao elaborar finalmente a descrición seguiremos unha orde determinada: podemos comezar facendo unha panorámica xeral do que describimos e a continuación imos describindo cada unha das súas partes; ou describindo o continente ou exterior e a continuación o contido ou interior. Esa ordenación dependerá do obxecto descrito e do noso criterio persoal, mais os datos deberán estar sempre ordenados, non se pode dar a impresión de saltar dunha parte a outra sen seguir ningunha orde.


Para describir unha persoa debemos seguir estas indicacións básicas:
  • Despois de observar e reflexionar sobre a persoa que imos describir, organizaremos a información que nos parece máis destacada. A observación pode ser física ou mental, se imos describir a alguén que non está connosco, pero a quen coñecemos.
  • Seguiremos unha orde, do máis xeral ao máis particular:
  1. Indicaremos o seu xénero (un home, unha muller, un rapaz... )
  2. Diremos a súa idade (naturalmente será a idade aproximada na maior parte dos casos: é unha nena de meses, un vello, unha velliña, un señor maduro, unha moza nova, terá uns vinte anos, andará polos corenta, etc.
  3. Citaremos a súa aparencia xeral: fermoso, feo, atlético, de aspecto canso, musculoso..
  4. Sobre a súa talla indicaremos se é unha persoa alta, baixa, anana, delgada, fraca, barriguda etc.
  5. A continuación describiremos a súa cara, pois é elemento das persoas no que máis nos fixamos e que o máis nos identifica. Ao falar da cara iremos tratando os distintos elementos: a súa forma (ovalada, cadrada, ancha...), o cabelo (abundante ou escaso, negro, loiro, ondulado, liso...), os ollos (grandes, pequenos, vivaces, alegres, claros, escuros, azuis, verdes...), os labios (grosos, finos, carnosos...), a fronte (ampla, pequena...) etc.
  6. Se é o caso falaremos dalgunha característica particular que teña a persoa descrita: calvo, bigote, barba, algunha mancha ou marca significativa.
  7. A continuación, xa para rematar o retrato físico, falaremos da súa vestimenta.
  8. Finalmente daremos información sobre o seu carácter: diremos se é unha persoa amable, sociable, antipática...
Non é obrigatorio seguir necesariamente esta orde; son posibles outras organizacións, pero sempre debe existir unha organización determinada, evitaremos dar a sensación de saltar dun lado a outro sen orde concreta.



Descrición técnica

A descrición aparece con frecuencia en textos de carácter técnico e científico:
  • en xeografía temos descricións de paisaxes, de climas...;
  • na xustiza hai necesidade de describir, por exemplo, o lugar onde se cometeu un delito, a situación na que se produciu o feito que se xulga, o delincuente que fuxiu e foi visto por algunha testemuña...;
  • na arquitectura descríbense o terreo onde se vai edificar e os planos e dependencias dos edificios;
  • en ciencias da natureza hai descricións de animais, de plantas, de minerais etc;
  • nas guías de viaxe descríbense os lugares e os monumentos de interese, as rutas máis interesantes dun lugar etc.
Coa descrición técnica preténdese dar a coñecer as características reais de persoas, de obxectos, de lugares etc.
Neste tipo de descrición procúrase a obxectividade, é dicir, represéntanse as cousas tal como as ve todo o mundo, prescindindo das opinións persoais de quen fai a descrición.
Utilízase unha linguaxe denotativa, é dicir, unha linguaxe na que as palabras están tomadas co seu sentido recto. Son abundantes os termos técnicos e os adxectivos especificativos.
Presenta unha ordenación lóxica, describíndose primeiro o máis xeral e indo despois ao particular, ou o que está máis próximo para seguir co máis afastado etc.
As súas finalidades son:
  • definir: aparece a descrición técnica con este valor en
    • dicionarios
    • enciclopedias
    • libros escolares
    • leis, normas...
  • explicar: aparece con esta finalidade en
    • textos científicos
    • manuais de instrucións
    • noticias e reportaxes de prensa
  • convencer: dáse sobre todo na publicidade, por exemplo en anuncios de
    • venda de pisos
    • ofertas de emprego
    • venda de obxectos de segunda man

Descrición literaria

Na literatura a descrición aparece frecuentemente alternando coa narración e supón unha pausa na historia que se está a contar.
A descrición literaria cumpre as seguintes funcións:
  • Presentar os lugares onde sucede a acción e os elementos que son importantes para a mesma: O lugar pode ser interior (unha casa, un cuarto, unha cova, unha igrexa...) ou exterior (o campo, unha montaña, o mar, unha fraga....).
  • Presentar os personaxes que interveñen na historia que se conta.
  • Anticipar, aclarar ou crear interese sobre a acción que se desenvolve ou se vai desenvolver (unha paisaxe triste ou sinistra anticipa frecuentemente accións negativas; a descrición da mirada dun personaxe pode indicar se está dicindo a verdade ou non). A descrición permite polo tanto comprender mellor a historia que se nos conta.
Entre as principais características da descrición literaria, destacamos as seguintes:
  • A linguaxe é connotativa, é dicir, teñen moita importancia as sensacións ou sentimentos que nos evocan as palabras, non só o seu significado obxectivo.
  • Abundan os adxectivos explicativos, é dicir, aqueles que resaltan determinadas cualidades dos substantivos.
  • A descrición literaria pode ser obxectiva ou subxectiva.
  • Utilízanse, entre outros, recursos literarios como
    • a hipérbole: esaxeración dunha característica;
    • a metáfora: substitución dun elemento por outro co que ten parecido;
    • a comparación: establecemento de relación por semellanza ou parecido;
    • a enumeración: acumulación de elementos.


Características lingüísticas das descricións

Na maior parte dos textos descritivos atoparemos características lingüísticas que nos permiten diferencialos doutros tipos de textos:
 
  • A descrición caracterízase pola organización espacial da información (por exemplo na descrición dunha paisaxe comezarase polos elementos que vemos en primeiro plano, e a continuación, pasarase a describir os situados en planos máis afastados; describindo unha persoa pódese seguir unha orde do máis xeral (o aspecto ou primeira impresión que nos causa) ao máis concreto (a cara, os ollos, as man...) ou comezar coa descrición da cabeza e a continuación o resto do corpo). As partes que compoñen o obxecto descrito sitúanse no espazo con respecto ás outras partes e ao conxunto: indícase que elementos están arriba, cales abaixo, é esquerda ou á dereita, no primeiro plano ou no fondo etc.
  • As referencias ao espazo exprésanse mediante adverbios de lugar: alí, detrás..., e  frases preposicionais con valor locativo: por riba de, por detrás de...
  • Nas descricións son máis importantes e frecuentes os substantivos e os adxectivos que os verbos: os substantivos, porque son as palabras que designan os elementos do que se describe, e adxectivos porque indican as súas calidades ou características.
  • As oracións habituais son as atributivas, é dicir, as que están formadas cos verbos ser ou estar. Tamén son frecuentes as construcións comparativas e adversativas.
  • Os recursos expresivos máis usados son as comparacións e as metáforas.
  • Utilízanse con frecuencia sinónimos, antónimos, hipónimos, hiperónimos...
 
Con respecto ao tipo de linguaxe utilizada nas descricións úsase
  • linguaxe científica (con termos técnicos e precisión no uso do vocabulario), por exemplo nas descricións que atopamos nas enciclopedias;
  • linguaxe literaria (con uso de figuras retóricas: metáforas...), por exemplo na descricións dos personaxes nunha novela;
  • linguaxe coloquial (con utilización de termos correntes, menor precisión de vocabulario...), por exemplo cando lle describimos a algún coñecido como iamos disfrazados na pasada festa do entroido.

luns, 12 de febreiro de 2018

Prexuízos lingüísticos

Este vídeo trata sobre algúns tipos de prexuízos lingüísticos : as súas causas, o que son, e a súa transmisión.






Vía Carta Xeométrica