venres, 19 de setembro de 2014

Franz Kafka: “ler libros dos que mordan e aguilloen”

Visto no blogue de Ramón Nicolás:

Cita tirada dunha carta que Franz Kafka remitiu a Oskar Pollak no ano 1904. As afirmacións que Kafka realiza neste parágrafo convéncenme da fantástica clarividencia do autor d´A metamorfose no que se refire aos posibles categorizacións de lecturas: nun libro non debe ser prioritaria a súa función balsámica ou evasiva, antes ben, un libro debe morder e aguilloar.
Penso que só debemos ler libros dos que mordan e aguilloen. Se o libro que estamos a ler non nos obriga a espertar como unha puñada no rostro,  para que molestarse en lelo? Para que nos faga felices, como di a túa carta? Meu deus, seriamos igualmente felices se non tiveramos ningún libro! Os libros que nos fagan felices poderiamos escribilos nós mesmos, se non nos quedase outro remedio. O que precisamos son libros que nos golpeen como unha desgraza dolorosa, como a morte de alguén a quen queriamos máis que a nós mesmos, libros que nos fagan sentirnos desterrados aos bosques máis remotos, lonxe de toda presenza humana, algo semellante  ao suicidio. Un libro debe ser o machado que rompa o mar xeado dentro de nós. Iso é o que penso.


xoves, 18 de setembro de 2014

Graffittis de Lalín (II)

Como maxino que sabedes, en Lalín contamos cun artista da rúa que nos sorprende de cando en vez pola súa poesía e o seu xeito de expresala. A min, cando menos, tenme conmocionada porque ademais non comete ningún erro ortaográfico e ama a nosa lingua, algo que lle agradezo profundamente.

Este é toda unha declaración de intencións para o novo curso que comeza, que xa vos amosei anteriormente:


Este é o meu preferido:


Pero ningún está nada mal:




Que opinades? Isto é poesía? Credes que deben ser eliminados das paredes tal como está sucedendo na vila? Son molestos?
Coñecedes "Acción poética"? Convídovos a entrar na súa páxina e ler algúns dos seus traballos.

Despois de cavilar en que a poesía adopta formas diferentes... a que xa nos parece que no é tan terrible?

Botádelle un ollo a estes graffittis animados. Paga a pena!

 

mércores, 17 de setembro de 2014

Graffittis de Lalín (I)

Volveremos falar deles. Hoxe escollo este para comezar o curso como unha declaración de intencións. Polo amor á lingua, pola poesía, por vós: 


Scrapbooking

Hoxe vin que non sabiades moi ben a que me refería cando vos pedía unha libreta decorada por vós. O máis importante é que vos centredes na frase ou no verso que escollestes para arredor del decorar a páxina na que estades. A decoración que escollades debe estar relacionada con ese verso ou frase escollido.
Tedes miles de vídeos e ideas en internet:
http://www.laimaginadora.com/blog/484/

http://www-en-rhed-ando.blogspot.com.es/2011/10/como-hacer-y-empezar-con-el.html#.VBnrZBY0ZnQ


Eu escollinvos algún vídeo que vos deixo aquí por se vos serven de algo...:

martes, 16 de setembro de 2014

Organización do curso (II)

Durante o curso iremos facendo diversos traballos. Un deles realizarase a partir destes libros e consistirá nunha exposición oral pola vosa parte que, por suposto, conta na nota  (Lembrade: Os outros 1,5 puntos aportaranse con textos elaborados na aula, así como da exposición oral dun tema que se realizará en grupo).




Asemade, nalgunha das tres avaliación teremos a posibilidade de cambiar a exposición por unha pequena representación teatral na aula, a partir do texto de Inacio, Fábula galénica.

Organización do curso


O libro de texto que se utiliza é "Lingua e Literatura Galega" de 3º de ESO da editorial Santillana, Os Camiños do Saber. Está dividido en dous tomos, e terédelos nas taquillas de voso posto que imos alternar a súa utilización.
Ademais, debedes ter un Caderno  para  exercicios escritos (mellor de follas intercambiábeis): obrigatorio e a disposición do profesor. Nel iredes vendo os vosos progresos na escrita, unha parte ben importante do curso. Pódovolo pedir en calquera momento, polo que teredes que telo sempre coidado e non podedes esquecelo na casa.
Lembrade: ESCRIBIR É UN LABOR DIFÍCIL, e teremos que corrixir unha e mil veces para irmos mellorando.

Haberá dous exames por avaliación que constituirán o peso específico da nota, un 60%, por tanto 6 puntos. Os exames inclúen tanto aspectos de Literatura dados na aula, como Vocabulario visto na clase. Asemade poderase incluír algunha pregunta de Gramática e de Comprensión de textos. Normalmente,  os exames comezan cun texto inzado de erros para corrixir: procuraremos con el irmos pola rúa vendo os múltiples erros ortográficos que nos rodean (Centro urbán)
O resto da nota da avaliación sairá dos exercicios de EXPRESIÓN ORAL E ESCRITA: narracións, descricións, diálogos, exposicións, argumentacións... Esta parte constitúe un 30% da nota, ou sexa, 3 puntos. Estes exercicios poderanse realizar ben na casa ben na aula. Os feitos na casa serán recollidos por min e constituirán a metade desta nota, é dicir, un 1,5 puntos. Os outros 1,5 puntos aportaranse con textos elaborados na aula, así como da exposición oral dun tema que se realizará en grupo.
Os libros de lectura obrigatoria valen 1 punto, a razón de 0,5 cada un. En todas as avaliacións hai dous.

Para superar a materia, cómpre unha media de 5 nas avaliacións, pero para que se poida realizar esta media non se poderá baixar dun 4. Con menos desta nota, esa avaliación vai directamente á recuperación de Xuño, xa que durante o curso non haberá recuperacións.
En setembro, claro está, entra toda a materia, incluída a elaboración dun texto.

 Os erros de lingua (ortografía, colocación errónea do pronome átono, uso de tempos compostos, incoherencias...) descontan 0,1 puntos. Tamén descontarase ata 1 punto por mala presentación, tanto nos exames coma nos texto.
O máximo desconto por erros non superará os -2 puntos.

Lecturas optativas

Unha das principais actividades que podemos realizar polo ben da nosa formación é practicar a lectura. Por suposto, cada un de nós ten un gusto particular que non ten por que coincidir co compañeiro ou compañeira que comparte aula connosco. Por iso, procuro que dentro desta lista atopedes un pouco de todo: novela, teatro, poesía, cómic... e asemade procuramos abranguer temas diversos. De todos os xeitos, tamén estou aberta ás vosas suxestións.
Poderedes ler catro libros por avaliación para subir nota. Cada libro engade un 0,5 puntos (é dicir, un máximo de 2 puntos), sempre que teñades máis dun 4. Se sacades menos desta nota, non hai posibilidade de suma.
Hai que ter en conta que nesta listaxe poden aparecer algunhas das que logo serán lecturas obrigatorias. Xa o iremos indicando:


  • 1.      Alapont, Pasqual: O inferno de Marta. Xerais
  • 2.      Aleixandre, Marilar: Rúa Carbón .   Xerais
  • 3.      Alonso, Fran: Cartas de amor   / A punta de pistola  /  Cidades    /  Silencio.  Xerais
  • 4.      Álvarez, Blanca: Palabras de pan. Tambre
  • 5.      Agra, Agustín: Trampa de luz. Xerais
  • 6.      Blanco, Concha: Berta non soubo voar. Pentalfa
  • 7.      Boyne, John: O neno do pixama a raias  /   Noah Barleywater escapa da casa.  Faktoría K
  • 8.      Calo, Teresa: Marta ante o espello.  Xerais
  • 9.      CanfieldFisher, Dorothy: A aprendizaxe de Betsy.  Editorial Triqueta Verde
  • 10.  Carballude, Pepe: Marxinados. Galaxia
  • 11.  Carou Figueira, Natalia: O alento nas costas. Baía edicións
  • 12.  Casalderrey, Fina: A Pomba e o Degolado. Xerais
  • 13.  Castelao: Retrincos / Un ollo de vidro. Galaxia
  • 14.  Castro, Francisco: O segredo de Marco Polo. Galaxia
  • 15.  Cela, Jaume: Silencio no corazón. Galaxia
  • 16.  Cimadevila, Fernando: O mundo secreto de Basilius Hoffman. Urco
  • 17.  Cisneros, Sandra: A casa de Mango Street. Sushi Books
  • 18.  Conan Doyle, Arthur: Un estudio en escarlata. Galaxia  (ou calquera outro libro deste autor)
  • 19.  Costas, Ledicia:  Unha estrela no vento. Xerais     /        Xardín de inverno. Everest
  • 20.  Christie, Agatha: Asasinato no Orient Express  /  Asasinato de Roger Ackroyd  /   Cianuro espumoso   /   Dez negriños   . Galaxia
  • 21.  Docampo, Xabier: O libro das viaxes imaxinarias. Xerais
  • 22.  Fernández Paz, Agustín: As fronteiras do medo. Rodeira-Edebé  /  Corredores de sombras   /  Fantasmas de luz. Xerais
  • 23.  Funke, Cornelia: Reckless. Xerais
  • 24.  Gripe, María: Os escaravellos voan á tardiña. SM
  • 25.  Hesse, Herman: Baixo as rodas   /    Siddartha.    . Galaxia
  • 26.  Hinton, Susan: Rebeldes. Alfaguara-Obradoiro
  • 27.  Kipling, Rudyard: O libro da selva. Sushi Books
  • 28.  Lienas, Gemma:  O diario violeta de Carlota. Galaxia
  • 29.  Lindgren, Astrid: Os nenos de Bullerbyn. Sushi Books
  • 30.  London, Jack: A chamada da selva. Xerais
  • 31.  Lourenzo González: Irmán do vento. Xerais
  • 32.  Maceiras, Andrea: Nubes de evolución. Xerais
  • 33.  Martin, Andreu e Ribera, Jaume: O diario vermello de Flanagan. Galaxia
  • 34.  Miranda, Xosé: Ariadna. Xerais
  • 35.  Muñoz Puelles, Vicente: A expedición dos libros. Oxford
  • 36.  Negro, Carlos: Makinaria     /     Penúltimas tendencias .      Xerais
  • 37.  Northomb, Amelie: Un nome de dicionario. Galaxia
  • 38.  Nöstlinger, Christine: Horario de clase, Galaxia
  • 39.  Nozière, JeanPaul: Cabeza de pelouro. Editorial Galaxia
  • 40.  Núñez Singala, X. M.:  Comedia bífida. Galaxia
  • 41.  O Leo: Hai kus. Xerais
  • 42.  Orwell, George: A revolta dos animais. Edicións Positivas
  • 43.  Pullman, Philip: A materia escura (Triloxía). Faktoría K
  • 44.  Reigosa, Antonio: Trece noites, trece lúas. Xerais
  • 45.  Reimóndez, María: Moda galega. Positivas
  • 46.  Rodríguez Cueto, Milio: A pedra da serpe. Rodeira-Edebé
  • 47.  Roger, Marie-Sabine: Tardes con Margueritte.  Galaxia
  • 48.  Ruá, Aurora: Debuxos no muro. Galaxia
  • 49.  Saint-Exupery, Antoine de: O principiño. Galaxia
  • 50.  Schlieper, Birgit e Stahl, Nina: Ás veces quero morrer coa risa. Galaxia
  • 51.  Sende, Sechu: Made in Galiza. Galaxia
  • 52.  Sierra i Fabra, Jordi: A modelo descalza. Galaxia
  • 53.  Sierra i Fabra, Jordi: Nun lugar chamado guerra, Galaxia.
  • 54.  Stevenson, Robert Louis: A illa do tesouro. Xerais
  • 55.  Tomás, Xosé: Nómades. Galaxia
  • 56.  Toro, Suso de: Unha rosa é unha rosa. Xerais
  • 57.  Twain, Mark: As aventuras de Tom Sawyer. Xerais
  • 58.  Uhlman, Fred. Reencontro. Galaxia
  • 59.  Vanderbeke, Birgit: Mexillóns para cear. Editorial Rinoceronte
  • 60.  Vázquez Freire, Miguel: Anxos en tempos de chuvia. Xerais
  • 61.  Verne, Jules: A illa misteriosa. Xerais
  • 62.  Vila Sexto, Carlos: As sete mortes   / Gárgola.  Galaxia

 Explicación básica de por que non hai exames, acudindo a un argumento de peso:


luns, 15 de setembro de 2014

Lecturas obrigatorias

Sempre tedes que pensar que non existe obrigatoriedade á hora de ler, senón que ler é un pracer. Aqueles ou aquelas que pensades que é unha perda de tempo, tentaremos atopar un libro que vos guste. Hai miles!
Resulta difícil escoller os dous primeiros libros sen coñecervos, pero agardamos acertar debido á nosa propia experiencia.
Procuraremos combinar todo tipo de lecturas, é dicir, haberá poesía (non, non é un coñazo, veredes!), teatro, novela e cómic. Este primeiro trimestre escollemos teatro e novela.  
Estes son os libros que vos propoñemos dentro diso que se denomina "Lectura obrigatoria". Lembrade, se vedes que vos resulta un auténtico espanto, debedes falar comigo para cambiar o libro proposto. Como non se realizan exames de comprobación, aprenderemos a falar deles e os sentimentos que nos provoca a súa lectura. Sei que pode ser algo difícil pero pouco a pouco iremos mellorando. Podedes pasear polo que será o voso blogue das lecturas para ler os comentarios de compañeiros e compañeiras doutros centros:



.- Roberto Salgueiro González: Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado. Editorial Xerais. 


Seica este libro de teatro está esgotado. Se non o topades, a outra opción será que leades estoutro:
.- Suso de Toro: Unha rosa é unha rosa. Editorial Xerais.




.- Ledicia Costas:  O corazón de Xúpiter.  Editorial Xerais.


Máis ou menos, as datas tope de lectura son a finais de outubro para o primeiro libro (indistintamente) e o segundo para finais de novembro.

sábado, 13 de setembro de 2014

Contidos mínimos



- Debe recoñecer os diferentes tipos de textos: narrativos, descritivos, dialogados, argumentativos, expositivos, xornalísticos, audiovisuais...
- Será quen de elaborar un resumo dunha exposición oral ou escrita sobre un tema determinado.
- Elaborará textos escritos dunha ampla tipoloxía textual ( narrativos, descritivos, xornalisticos...)
- Saberá integrar nos textos escritos as normas ortográficas, morfosintácticas e léxicas.
- Incorporará ao vocabulario activo os termos que conforman os campos léxicos que aparecen nas unidades: a cidade e a aldea, o medo, os animais, a internet, a radio...
- Será capaz de identificar morfoloxicamente os distintos tipos de palabras e clasificalos segundo o seu significado e a súa estrutura.
- Recoñecerá as características da prensa dixital.
- Deberá recoñecer os tipos de oracións e os seus constituíntes.
- Coñecerá os feitos máis significativos da historia da nosa lingua.
- Deberá ler e comentar os libros de lectura.
- Utilizará a lingua galega con fluidez e normalidade nos diferntes contextos comunicativos.
- Coñecerá as etapas e figuras literarias máis destacadas da Idade Media ao Século XIX.
- Ler os libros de lectura obrigatoria

Para saber... hai que ler