martes, 27 de setembro de 2016

Achegándonos á lectura

Xa sabedes que o primeiro libro que leamos este curso vai ser de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ porque queremos renderlle unha homenaxe neste primeiro trimestre. Escollede de toda a súa produción o que vos apeteza.

Aquí tedes a listaxe de lecturas optativas; hai unha morea! Pero xa sabedes que podedes escoller o libro que vos apeteza, sempre falando comigo primeiro. Coido que hai libros para todos os gustos e para todos os niveis de lectura que poidades ter neste curso. Hai máis de cen propostas:




Alapont, Pasqual: O inferno de Marta. Xerais
Aleixandre, Marilar: Rúa Carbón .   Xerais
Alonso, Fran: Cartas de amor .  Xerais
Alonso, Fran. Poetízate. Antoloxía da poesía galega. Xerais
Álvarez, Blanca: Palabras de pan. Tambre
Agra, Agustín: Trampa de luz. Xerais
As mil e unha noites. Selección de Brian Alderson. Vicens Vives
Blanco, Concha: Berta non soubo voar. Pentalfa
Bennett, Alan : Unha lectora fóra do común. Rinoceronte
Boyne, John: O neno do pixama a raias.  Faktoría K
Boyne, John: Noah Barleywater escapa da casa . Faktoría K
Boyne, John: O que lle aconteceu a Barnaby Brockett . Faktoría K
Brenan, Herbie: O portal dos elfos. Xerais
Calo, Teresa: Marta ante o espello.  Xerais
CanfieldFisher, Dorothy: A aprendizaxe de Betsy.  Editorial Triqueta Verde
Carballude, Pepe: Marxinados. Galaxia
Carou Figueira, Natalia: O alento nas costas. Baía edicións
Carroll, Lewis: Alicia no país das marabillas. Xerais
Casalderrey, Fina: A Pomba e o Degolado. Xerais
Castelao: Un ollo de vidro. Galaxia
Castro, Francisco: O segredo de Marco Polo. Galaxia
Cela, Jaume: Silencio no corazón. Galaxia
Cimadevila, Fernando: O mundo secreto de Basilius Hoffman. Urco
Cisneros, Sandra: A casa de Mango Street. Sushi Books
Collazo López, Iria: Como unha áncora. Galaxia
Conan Doyle, Arthur: Un estudio en escarlata. Galaxia 
Costas, Ledicia: O corazón de Xúpiter.   Xerais         
Costas, Ledicia: Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.    Xerais 
Costas, Ledicia: Recinto gris.   Xerais         
Costas, Ledicia:   Xardín de inverno. Everest
Christie, Agatha: Asasinato no Orient Expres . Galaxia
Docampo, Xabier: O libro das viaxes imaxinarias. Xerais
Dunker, Kristina: Normal, diferente. Galaxia
Fariña, Anxo: Horizonte de sucesos. Xerais
Fraga, Antonio Manuel: Tártarus. Xerais
Fraga, Xesús: Reo. Galaxia
Frank, Ana: Diario. Faktoría K
Funke, Cornelia: Reckless. Xerais
Gallego, Elena: Dragal. Xerais
García Teijeiro e Reigosa: Lendo lendas, digo versos. Xerais
Greene, Graham: O terceiro home. Galaxia
Gripe, María: Os escaravellos voan á tardiña. SM
Haddon, Mark: O curioso incidente do can á media noite. Sushi Books
Hesse, Herman: Baixo as rodas . Galaxia
Hesse, Herman:  Siddartha.  Galaxia
Hinton, Susan: Rebeldes. Alfaguara-Obradoiro
Kipling, Rudyard: O libro da selva. Sushi Books
Kropp, Paul: Moonkid e Liberty. Galaxia
Lienas, Gemma:  O diario vermello de Carlota. Galaxia
Lienas, Gemma:  O diario violeta de Carlota. Galaxia
Lindgren, Astrid: Os nenos de Bullerbyn. Sushi Books
London, Jack: A chamada da selva. Xerais
López López, Xabier: Biff, Bang, Pow!.  Galaxia
Lourenzo González: Irmán do vento. Xerais
Maceiras, Andrea: Nubes de evolución. Xerais
Maceiras, Andrea: Europa Express. Xerais
Martin, Andreu e Ribera, Jaume: O diario vermello de Flanagan. Galaxia
Martín, Paco: De paraugas. Xerais
Miranda, Xosé: Ariadna. Xerais
Muñoz Puelles, Vicente: A expedición dos libros. Oxford
Negro, Carlos: Makinaria. Xerais
Negro, Carlos: Penúltimas tendencias. Xerais
Northomb, Amelie: Un nome de dicionario. Galaxia
Nöstlinger, Christine: Horario de clase, Galaxia
Nozière, JeanPaul: Cabeza de pelouro. Editorial Galaxia
Núñez Singala, X. M.:  Comedia bífida .  Galaxia
Núñez Singala, X. M.:  Instrucións para tomar café. Galaxia
O Leo: Hai kus. Xerais
Orwell, George: A revolta dos animais. Edicións Positivas
Poe, Edgar Allan: Os escaravellos de ouro. Os crimes da rúa Morgue. Vicens Vives
Pullman, Philip: A materia escura (Triloxía). Faktoría K
Reigosa, Antonio: Trece noites, trece lúas. Xerais
Reimóndez, María: Moda galega. Positivas
Rodríguez Cueto, Milio: A pedra da serpe. Rodeira-Edebé
Roger, Marie-Sabine: Tardes con Margueritte.  Galaxia
Rivas, Manuel: Madonna e outros contos de inverno.  Xerais
Roger, Marie-Sabine: Tardes con Margueritte. Galaxia
Ruá, Aurora: Debuxos no muro. Galaxia
Saint-Exupery, Antoine de: O principiño. Galaxia
Salinger, J. D. : O vixía no centeo. Xerais
Sánchez Gálvez, Manuel: Maelström, Maelström. Galaxia
Santiago, Eduardo: O Gran Reino. Xerais
Schlieper, Birgit e Stahl, Nina: Ás veces quero morrer coa risa. Galaxia
Sende, Sechu: Made in Galiza. Galaxia
Sierra i Fabra, Jordi: A modelo descalza. Galaxia
Sierra i Fabra, Jordi: Nun lugar chamado guerra, Galaxia.
Steinbec, John:  De ratos e homes. Galaxia
Stevenson, Robert Louis: A illa do tesouro. Xerais
Taylor, Kressman: Enderezo descoñecido. Xerais
Tomás, Xosé: Nómades. Galaxia
Toro, Suso de: Unha rosa é unha rosa. Xerais
Twain, Mark: As aventuras de Tom Sawyer. Xerais
Uhlman, Fred. Reencontro. Galaxia
Uhlman, Fred: Unha alma nobre. Galaxia
Vanderbeke, Birgit: Mexillóns para cear. Editorial Rinoceronte
Vázquez Freire, Miguel: Anxos en tempos de chuvia. Xerais
Verne, Jules: A illa misteriosa. Xerais
Viaxe ao futuro. Relatos de ciencia ficción. Edición de Agustín Sánchez Aguilar. Vicens Vives
Vila Sexto, Carlos:  O enigma de Caronte.  Galaxia
Vila Sexto, Carlos:  Gárgola.  Galaxia
Wilde, Óscar: A pantasma de Canterville e outros contos. Vicens Vives

domingo, 18 de setembro de 2016

Eu son... Eu non son

A primeira tarefa será realizar un poema emulando ao noso poeta preferido, Carlos Negro, quen inicia o seu poemario Masculino singular con este poema:




Carlos Negro, tal como el explica, non inventou a estrutura deste poema, senón que lla viu ao poeta Peter Handke no seu libro Vivir sin poesía publicado por Bartleby:


Agora tócavos a vós!!!

mércores, 17 de xuño de 2015

Tarefas para o verán


Seguramente xa coñecedes o caso dese enrollado profesor italiano porque o vistes ou ben no xornal ou ben no Facebook, que mandou 15 deberes moi especiais para o verán  para o seu alumnado. Pois ben, eu non vou ser menos, e vou "adaptar" os seus deberes á nosa realidade. Como estou de acordo con el, veredes que fago o que vós non podedes: un "remix".

.- Fala a nosa lingua, a lingua nai, esa que nos negaron tantas veces, esa na que non fuches educad@. Emprégaa, cando menos, unha vez ao día, goza usándoa e defendéndoa. Lembra esas "17 cousas que podes facer por ela". E se tes a sorte de ser galego-falante, non a abandones, non te acomplexes, non a cambies "por educación". Os que falan en castelán tamén poden ser educados... Vós tendes a chave para que a nosa lingua non desapareza. Sorprendede ás vosas familias reclamándoa.

.- Le. Este curso descubriches que hai moitos libros sorprendentes que che fixeron vibrar, emocionarte, chorar, amar, odiar... Pero le para gozar, non para subir nota nin por obrigatoriedade. Le para soñar, para voar, para fuxir, para non ser ti. Para aprender. Hai miles de libros e de lecturas interesantes e variadas. Procura os temas que che agradan. Coa lectura, escribe. Escribe sobre o que che apeteza, o que che preocupe, o que che pase pola cabeza. Que a escrita forme parte do teu ser, como descarga ou como reflexión, pero garda algún tempo semanal á súa práctica. Canto máis escriba, mellor o farás.

.- Goza a tope. Descarga toda a túa adrenalina. Carga as túas pilas. Ri moito, pasea cos teus amigos e amigas, vai a todas as festas que poidas. E baila. Baila sen complexos nin ataduras.

.- Goza coa compañía da túa familia. Esa que semella un "rollo" é o mellor que tes e terás na vida. Aprende a perdoar os seus defectos e sorrí coas súas virtudes. 


.- Se podes viaxar, faino. Non digas nunca un "non" a unha viaxe. É o que máis enriquece, co que máis aprendes.

.- Goza da túa soidade. De cando en vez, cómpre estar só, escoitarse a un mesmo, reflexionar. Ti es importante, e tes cousas que te dicir. Deixa tempo e espazo para a o ruído pero tamén para o silencio. Ambos son complementarios, non excluíntes.

.- Reflexiona sobre os teus fracasos e os teus éxitos. Non busques culpables, interioriza os teus actos e analiza o porqué duns e doutros. Tenta mellorarte a ti mesmo. Construíndote como persoa constrúes asemade unha mellor sociedade.

.- Non temas facer o ridículo. Fala abertamente do que pensas, do que sentes. Escoita para ser escoitado. Nesta sociedade de ritmo frenético falta empatía, solidariedade, paciencia. Dá exemplo. Un bo amigo é aquel que, sobre todo, sabe escoitar. Goza da amizade e practica deportes de grupo, axudan á convivencia.

.- Márcate unha meta e non a perdas de vista. Pero que esta non che oculte outras moitas que poden estar agardándote e coas que ti non contabas.

.- Namórate. Para logo desenamorarte. E volver a namorarte. Estás na idade dos mil namoros.

.- Respecta a natureza, o medio ambiente. Sé educado, limpo. Na praia, no monte, na rúa, non tires nada ao chan, recrimina a aqueles que si o fan. A natureza, máis ca nunca, necesita do noso coidado. Nas vosas mans está o seu futuro. E con el, o voso.


.- Non botes a lingua a pacer. Non critiques, non procures falsidades nin defectos. Todos temos algo bo e algo malo, lémbrao para non atacar a ninguén. Non fagas aos demais o que non queres que che fagan a ti. Non acoses a ninguén. Respecta a todo o mundo. E serás respectado.

.- Aínda que non suspenderas, non esquezas. O verán non implica que debas olvidar todo o aprendido. Ao contrario. Medra precisamente grazas ao que aprendes. Ti es parte do futuro do noso país, e ese futuro pasa pola Educación e pola Cultura. Sen elas, non existe tal futuro, só pasado. Axuda a construír.




.- Sé feliz!!!

luns, 15 de xuño de 2015

17 cousas que podemos facer pola lingua

Sobre todo, sobre todo, non esquezades:

17 cousas que podemos facer pola lingua (o 17 de maio e o resto do ano)


  • 01.aloumiñala como un arrolo que adurmiña o naipelo que repousa no teu colo
  • 02.agasallala en todas as datas que levan dentro unha ilusión compartida e un desexo de felicidade
  • 03.levala de paseo ao parque para que poida escorregar polo tobogán dos soños
  • 04.usala cando namoramos como parvos para non aburrirnos como ostras
  • 05.levala de compras para que vexa escaparates co cartel de rebaixas
  • 06.metela na maleta que nos leva de viaxe por todos os mapas que soñamos 
  • 07.convidala a esa festa de aniversario onde toda a familia canta contenta unha canción desafinada
  • 08.poñela elegante para que desfile polas mellores pasarelas
  • 09.compartila arredor dunha mesa redonda onde alguén fai un brinde polo futuro
  • 19.facela voar con dragóns enormes antes de que Pedro Chosco entre no cuarto das crianzas a fechar todos os ollos
  • 11.lanzala ao ceo cos papaventos e botala ao chan para que bailen as buxainas
  • 12.escribila nas paredes con versos que poida entender todo o mundo
  • 13.levala ao traballo a primeira hora para que se comporte puntual e eficiente 
  • 14.introducila na lista da compra para que non nos esquezan o azucre e as patacas
  • 15.pedila ao camareiro para que nos saiba mellor o café con leite
  • 16.ensinárllela aos turistas como a mellor postal da nosa terra 

e, sobre todo,

  • 17.sacala fóra cando nos piden que a gardemos

mércores, 13 de maio de 2015

martes, 12 de maio de 2015

O texto argumentativo

Lembrade que tedes aquí xa dúas entradas sobre o texto argumentativo.

O texto argumentativo é unha modalidade discursiva que ten como finalidade defender mediante argumentos unha idea ou tese. Á hora de redactar un texto argumentativo tedes que partir dunha estrutura previa:
1.- Tese ou tema
2.- Título, ou ben obxectivo -que informa- ou ben subxectivo -que opina-.
3.- Procura de información
4.- Argumentos. Pódense buscar argumentos de autoridade. Procurar utilizar argumentos a favor e argumentos en contra; engadir argumentos de experiencia persoal ("no meu caso", a min pasoume")
5.- Adxectivos valorativos ("importante, fundamental, magnífico, extraordinario, imprescindible, moi + adxectivo")
6.- Conectores textuais ("ademais, en primeiro lugar, por outra parte, pero, en resumo, en definitiva, como conclusión")

Un exemplo, en castelán.

Nesta páxina tamén atopei isto:

O texto argumentativo ten como finalidade convencer, ben demostrando unha opinión ou ben rebatíndoa. A función lingüística predominante é a apelativa, posto que o discurso está encamiñado en producir no receptor unha determinada reacción. A esta función debemos engadir a representativa, pois os argumentos utilizados para convencer usan variantes de textos expositivos, como definicións, ou descritivos, de maneira que as opinións subxectivas que defendemos se vexan reforzadas por razóns obxectivas.
Textos argumentativos son os ensaios científicos, filosóficos, os discursos políticos, os artigos de opinión xornalísticos, as intervencións en debates e mesas redondas e, en xeral, tamén as discusións espontáneas do noso día a día.
 
Argumentar non é simplemente contradicir, nin berrar nin descualificar ao adversario. Argumentar é opoñer mellores razóns que apoien as nosas opinións fronte ás dos adversarios e tamén artellar unha estratexia intelixente na súa exposición. Sempre é mellor considerar que, por moito que non esteamos de acordo, os demais tamén terán as súas boas razóns e, por suposto, o respecto por eles e as súas opinións debe quedar claro, tanto nos nosos argumentos como na súa posta en escena no texto oral ou no escrito. 
  
ESTRUTURA DO TEXTO ARGUMENTATIVO
Todo texto argumentativo parte dunha idea básica, a tese, que terá que ser explicada e reforzada ao longo do seu desenvolvemento.
A estrutura habitual consta de introdución, desenvolvemento e conclusión. Sempre é aconsellable facer antes un esquema no que se enuncie claramente a tese, se apunten todas as ideas que se nos ocurran que poidan reforzala e se lles dea unha orde. Cada unha destas ideas poderá converterse logo nun parágrafo:
  • Introdución: Comézase por presentar o tema que se vai tratar dunha maneira xeral para ir achegándose a un aspecto concreto sobre o que ao final deste apartado se enunciará claramente unha opinión: a tese.
  • Desenvolvemento: Trátase de ampliar a idea central, a tese, e reforzala mediante a ilustración por medio de exemplos, citas, descricións, datos, opinións de autoridade ... Cada unha das ideas apuntadas no esquema convertirase nun parágrafo que debe relacionarse coherentemente co anterior e co seguinte. Nestes parágrafos, a idea principal da que se parte pode ampliarse con varias ideas relacionadas (ideas secundarias) que a completen e ilustrala con exemplos.
  • Conclusión: pódese facer unha recapitulación dos principais argumentos e reafirmarse na tese inicial ou tamén pódese rematar con algunha frase que resuma a idea defendida ou que apunte unha nova idea que se poida inferir do que se leva dito e mesmo unha invitación a sumarse á opinión defendida e actuar en consecuencia. 
Segundo a orde lóxica que se escolla podemos falar de dous tipos de argumentacións:
·      Argumentación dedutiva ou estrutura analítica: que parte da tese, segue co corpo de argumentos e remata na conclusión.
·      Argumentación indutiva ou estrutura sintética: que parte dos argumentos para chegar ao final, a modo de conclusión, á tese.
Un bo esquema sobre o que practicar sería un texto argumentativo formado polo menos por cinco parágrafos: 1º a introdución, 2º argumento a favor, 3º argumento a favor, 4º argumento en contra e refutación, 5º conclusión.
PROCEDEMENTOS DISCURSIVOS E LINGÜÍSTICOS
  • A definición: explica o significado de conceptos clave no texto.
  • A comparación: serve para poñer en relación ideas, poñer exemplos con casos semellantes ou diferentes que axudan a comprender conceptos.
  • A exemplificación: achega exemplos concretos que facilitan a comprensión de razoamentos abstractos.
  • A enumeración de exemplos ou argumentos proporciona unha base sólida para apoiar a tese.
  • A interrogación: pode usarse para poñer en dúbida un argumento contrario e reforzar así o propio ou mesmo para enunciar as reticencias que un razoamento propio poida suscitar para, a continuación, rebatelos.
Un texto argumentativo, como calquera outro tipo de texto, debe presentar adecuación entre a expresión lingüística (tanto no plano morfosintáctico como no plano léxico) ao receptor, ao contexto e á intención coa que é feito.
É moi importante que o texto argumentativo dea unha impresión de coherencia lóxica, para o cal é imprescindible que as partes (parágrafos) estean ben ordenadas e sigan unha progresión que conduza á conclusión. Para isto é imprescindible elixir ben os conectores ou marcadores discursivos: conxuncións, locucións conxuntivas, adverbios que organizan o texto.
No entramado textual existen mecanismos de cohesión léxica (repetición de palabras clave ou conceptos sinónimos sobre o tema), cohesión gramatical (uso de pronomes e adverbios que fagan referencia a algo que xa se dixo ou que se vai dicir) que vaian establecendo vínculos entre si a medida que o texto avanza, de maneira que se aprecie que son partes dun todo.